Animais fantásticos Galicia

Post on 16-Apr-2017

618 views 4 download

Transcript of Animais fantásticos Galicia

ALICORNIO/UNICORNIO/LICORNIOAnimal con figura de cabalo cun só corno na fronte, moi veloz e valente. Para capturalo fai falla unha moza virxe que fai que o animal saia do seu agocho para deitarse a carón dela e quedar durmido. O unicornio atrae a boa sorte e afasta o mal. En Galicia non se ve pero o po do seu corno (alicornio) emprégase como amuleto da boa sorte, como afrodisíaco e para curar moitas enfermidades.

AVE FRÍA/PAXARO DA MORTEPaxaro invisible que anuncia a morte das persoas cantando ou falando lugubremente, petando coas ás nas xanelas ou poñéndose sobre as casas ou nos cuartos das persoas que van morrer.

AVICHUCHOSEncantos en forma de ave de aspecto desagradable. Tamén poden ser semellantes aos morcegos. Aparecen nalgúns castros e son mozas encantadas.

BASILISCOÉ un monstro de cor amarela con ollos de sapo; cabeza, pescozo, patas e peito de galo; e corpo de serpe. Nace dun ovo sen xema que pon un galo cando ten sete anos. É o rei dos réptiles e ata as cobras lle temen. O seu alento é tan fétido que fende as rochas, seca a relva e contamina o aire. Mata a distancia, co asubío e coa ollada. As fontes nas que bebe quedan contaminadas durante séculos. Para liberarse del hai que velo antes de que te vexa ou poñerlle diante un espello (non soporta a súa propia imaxe). Din que non atura o cheiro da donicela nin o canto do galo.

BIOSBARDOS/CACHAFELLOS/COZOCHAS/PIBARDOS/PIGARZOSPaxaros de gran beleza que ninguén sabe describir. Quen consegue cazalos ten boa sorte a condición de que non llos ensine a ninguén.Para cazalos hai que ir nunha noite escura a un camiño estreito e afastado, onde non se oia canto de galo ou galiña nin voces humanas, levar un saco grande, de boca ancha e invocar aos biosbardos recitando:“BiobardoVen ao fardoQue alpabardaPor ti agarda”.

BOI BRUÓN-É un mouro encantado que sobreviviu ao asolagamento da cidade de Reirís e vive debaixo da lagoa en forma de boi. Escóitase bruar algunhas noites. -Na illa de Ons un mariñeiro que buscaba na beira unha pedra para fondear a súa dorna viu un boi moi grande cunhas enormes cornas. Ao soprar facía moito tronido. O mariñeiro colleu medo e fuxíu.

BOI DE SANDOMEDIOÉ un boi de ouro que vive no monte de San Domedio nas Neves. Os mouros fixeron un boi para adoralo e deixárono enterrado alí. O boi cobrou vida e vive nun brazo de mar debaixo dun penedo. Ninguén pode sacalo porque ao retirar o penedo o mar asolagaría todo o terreo.

BOI LOUROÉ un boi negro que vive encantado na Pena Loura en Palas de Rei.

BOIS DE GURESSon dous bois encantados que ao fuxir do asolagamento da cidade de Duio pereceron afogados e foron convertidos en dous illotes rochosos na enseada de Ézaro.

BOI VIDALÉ un boi de pedra que vive debaixo do mar. Os seus ollos brillantes protexen contra o mal de ollo.

BUTREÉ un dos paxaros da morte. É grande, noturno e laia coma un gato, unha ave ou unha cabra.

CABALIÑO BRANCOÉ unha das formas nas que se encarna o Diaño Bulreiro.

É un cabalo moi fermoso que se presenta convidando á xente a que suba nel (Nogueira de Ramuín). Aínda ninguén se atreveu a montalo.

CABALOAs bruxas ou o Diaño Bulreiro poden aparecerse en forma de cabalo. O camiñante monta enriba e o cabalo comeza a medrar e segue medrando a medida que monta máis xente. Pode aparecer como un cabalo perdido que acepta que o monten o logo fai das súas: parte ao medio, desaparece dun estoupido, extravía ao viaxeiro na noite e logo tírao nunha poza ou barranco, ou ao cruzar un río.A cabalo anda o demo polo mundo saltando grandes distancias e ás veces deixa a pegada das súas ferraduras nos penedos. O mesmo fan Roldán e Santiago.Ás veces aparecen nas fontes cabalos que son mouras encantadas.

CABALO DA FIAÑAÉ un cabalo negro, alto de cruz, con ollos dun vermello brillante e ventás como covas ardentes. É inofensivo pero ás veces cando alguén monta nel lévao por camiños e montes sen parar e xa non pode baixarse del.

CABALO ou ÉGOA DA LUZ, DO PENSAMENTO, DO VENTO ou DO AIRESon cabalos moi rápidos nos que fuxen algúns pesoaxes das lendas (mouros, princesas,reis…)

CABALO PANTASMATen a cor do lume ou bota lume pola boca. É un cabalo sobrenatural que se lles aparece aos buscadores de tesouros ou camiñantes solitarios. Ás veces é un cabalo enorme e outras é pequeno e comeza a medrar ata dar nas nubes.

CABRA DO AIREPAXARO DA MORTEAve noitébrega e invisible que canta agoirando a morte de quen a escoita ou dunha persoa próxima. Podería ser a becacina ou a avenoiteira.O paxaro da morte anuncia a morte das persoas cantando ou falando lugubremente, tocando coas ás nas xanelas ou poñéndose enriba das casas ou nos mesmos cuartos do que vai morrer.

CABRA QUE FALAÉ unha cabra que sae polas noites ao encontro de camiñantes solitarios.

CADELA PEREGRINAÉ unha ánima en pena coa figura de cadela. Os que viron din que bota lume pola boca e polos ollos. É presaxio de desgrazas. Non se lle debe mirar aos ollos e hai que dicirlle “Deus te acompañe”.

CADELA PASTORIÑACan branco ou marrón, enorme, que sae ao paso de camiñantes polas noites (vese na comarca de Viveiro).

CADELA DE TETAS LONGASCadela branca, moi grande, coas mamas arrastrando polo chan. Aparécese de noite como sinal de morte. Ás veces parte pola metade e bota fume pola boca; imita os berros e ouveos dos cans, das ovellas e dos corvos. Pode transformarse en corvo ou novelo de la. Pode ir acompañada de cadeliños.

CAN BRANCOAparécese de noite nos camiños e olla con tristura ás persoas. É sinal de boaventura.

CANCÉRBEROÉ un can que vixía as portas do inferno para evitar que as almas o abandonen.

CAN DO MAR (URCO, CAN DO URCO)En xeral é o can que vixía as portas do inferno. Tamén é un can grande e negro con cornos e orellas longas que sae do mar nas noites escuras ouveando furiosamente. É aviso de morte. Vive no Borrón, un lugar do outro mundo que está debaixo do mar.Pode adoptar outras formas de can diferentes.

CARANGUEXO COA PINZA DE OUROÉ o gardián dun tesouro que se atopa no fondo dun pozo do río Barbaña. O tesouro é un esqueleto formado por ouro, pérolas e diamantes.

CARNEIROÉ unha das transformacións do Trasno que se lle aparece cando as rapazas van polas noites á muíñada. Tamén se poden aparecer nesa forma o Diaño Bulreiro e as meigas. Ás veces un carneiro negro (Bode) dirixe a Compaña.

CERVA BRANCAMULLER CERVAÉ unha muller que se converte en cerva branca. Contan que en Cervantes (Os Ancares) desapareceu unha fermosa moza. Un día o seu irmán foi de caza e feriu de morte a unha gran cerva branca, como non rexía con ela cortoulle unha pata, e ao chegar á casa e amosala transformárase nunha man que recoñeceron como a da súa irmán desaparecida. Cando volveu ao monte a pola cerva atopou a irmán morta e faltáballe a man.

COBRA CON ÁSCando chegan a certa idade e tamaño ás cóbregas saénlle ás. Seguen o curso dos ríos ata o mar.

COBRA DE SETE CABEZASGardan tesouros ou raptan mozas. Para matalas hai que ferilas cunha agulla ou alfinete na cabeza do medio. 

COCA, TARASCAAnimal monstruoso co corpo de dragón e cola de serpe que vive no mar ou nos ríos. No lombo nácenlle dúas ás enormes como as dos morcegos, ten catro patas armadas de fortes gadoupas, unha gran boca armada de dentes afiados e uns ollos fumegantes.Seres semellantes hai por toda Galicia: Verín, Baiona, Betanzos (Camelo), A Coruña (Tarea), Ourense (Coquetriz), Pontevedra, Ribadavia (Becha), Compostela, Tui…

COZORELLOCOCERELLOCAZABELLOPeixe moi fermoso que abonda nas fontes e ríos e salta de noite.

Para pescalos hai que ir pola noite cun saco aberto e dicirlle “Cozorellos ao saco, a tres e a catro”.

DRAGÓNÉ unha serpe xigantesca con pés e ás. Algúns teñen cuncha enriba da cabeza e asubían como basiliscos. Son moi feros e voraces e moi lonxevos, e posúen o don da palabra. Cando lles chega a hora de marchar din:“Para Babilonia vouMal haxa quen me viu de novo e non me matou”.

GALIÑA DOS OVOS DE OURONo gorgullón de santa Mariña (As Fragas-Campo Lameiro) hai unha princesa moura encantada en serpe. No mencer vese cunha flor na boca. Ten unha galiña que pon os ovos de ouro. Quen a bique nos beizos desencantaa e convértea en muller e a cambio recibe como premio a galiña cos ovos de ouro.

GALIÑA CON PITOSEn moitas fontes agóchanse tesouros e o encanto que os garda sae ao exterior transformado nunha galiña con pitos. Se entre a rolada de pitos hai un de cor branca significa que hai unha Dona pedindo que a desencantes. O que na mañanciña de San Xoán se faga co pito branco casará cunha fermosa moza. Din que un que o intentou saiulle unha cobra que o perseguiu.Na Ponte Ulla, nun paso estreito do río, hai un pozo fondo no que aboian unha grade de ferro e unha campá prendida dela. A media noite a campá da doce badaladas e nese momento sae da bouza á beira do río unha galiña branca con doce pitos de ouro e unha pantasma. Ao abrir o día desaparecen.

GALO NEGROEn moitas fontes agóchanse tesouros e o encanto que os garda sae ao exterior transformado nun galo negro.

Falar dun galo negro é como falar dun sol negro, do sol nocturno en terra escura.

GATA BRANCAA gata branca que se aparece nos cruceiros e encrucilladas e enreda entre as pernas da xente é a perigosísima Peregrina (unha ánima en pena). Hai que andar con tino.

GRAN BESTASemella un gran cervo ou un alce que se rasca a orella coa unlla do pé traseiro dereito para curarse a epilepsia. Vendíanse amuletos con anacos da Unlla da Gran Besta incrustados en aneis que surtían efecto se se levaban apegados á pel.

LOBERNOLIVERNECrese que é fillo dun lobo e dunha raposa. Ten forma de raposo, pero non se lle pode berrar pois é xordo e non fuxe. Causa pánico e a xente ten que fuxir, aínda que lles coma todas as pitas do galiñeiro. Por veces é un lobo de pel vermella e con manchas que fascina coa súa mirada e ve a través das paredes. Entra nos cemiterios para desenterrar os cadáveres e devoralos.

MONSTRUO DA LAGOAVive na lagoa de Castelo (entre Muras e Xermade). Garda unha campá de ouro e vive no fondo das augas. Cando a lagoa seca o Monstruo e o Tesouro entérranse e desaparecen.

Unha vez o cura da parroquia tentou coller a campá coa axuda dun libro de maxia negra traído de Cuba. Comezou a ler o libro e abríronse as augas e díxolle ao sacristán que non pechase o libro. Non lle fixo caso e as augas pecharon levándose ao cura.

PRINCESIÑA TROITAUnha princesiña moura, convertida en troita, vive nunha fonte en Couto de A (Ramil-Castro de Rei). Ningué a pode pescar.

PRINCESA RANa lagoa da Antela (A Limia) hai unha princesa encantada con forma de ra. Non se atopa quen a desencante porque non hai maneira de diferenciala entre os milleiros de ras que hai nesa lagoa.

RAPOSA DO AIRE/RAPOSA DA MORTE/FACHEIRA/RAPOSIÑANon ten case nunca forma visible. Séntese como un berro, un ouveo estarrecedor, un canto semellante ao do galo… que parece que percorre os lugares por onde andivo a persoa que vai morrer. Tamén se cree que un alma en pena en forma de raposa que berra e bota labaradas de lume pola boca e polos ollos e que se presenta na porta das persoas de alma moura que van morrer. Outras veces ten forma de cadela ou de cadela mesturada con galo.

SAAVEDRASerpe xigantesca que adoraban os baluros na cidade de Veria que está asolagada na lagoa de Cospeito.

SERPE BICHOCAÉ unha gran serpe que vive en varios lugares do río Lérez e os seus afluentes. Foi vista no Pozo Sangoento (río Seixo), no Pozo dos Anguieiros (Lérez) e no Pozo da Torre (Castro). Dín que cos seus remuíños forma enormes pozos e ao moverse no río fai cacholas nas pedras.

SERPE MARIÑA-Á enseada de Coído (San Cibrao) achégase cada sete anos (outros din nove anos) a poñer os seus ovos unha serpe xigantesca que mide arredor de trinta metros. Ven de moi lonxe e durante a viaxe devora todo o que atopa. Enróscase arredor dos barcos e engule aos mariñeiros un por un comezando pola cabeza. Din que é de cor vermella brillante con grandes escamas que semellan cunchas de mexillón. Tamén pode desprazarse pola terra e alí é menos perigosa, aínda que hai que fuxir dela. Se alguén a espía perségueo ata devoralo con toda a súa familia e facenda.

-No Pozo Piago, no mar, perto de Viveiro, vive unha serpe mariña que se deixa ver na mañán de San Xoán.

SERPE NEGRAÉ unha gran serpe que garda un tesouro.

URCOORCOAviso de morte e de desgrazas que pode ter moitar formas: becerra con cans, cans (brancos ou negros).Vese nas noites escuras e de treboada, arrástrase polos camiños, métese polas minas, berra, láiase… Os seus ouveos e alaridos semellan de can, cabra, paxaro ou gato.Outra versión di que un agoiro de morte con medio corpo de lobo e outro medio de serpe, con escamas duras e moita forza no rabo. O can do Orco foi primeiro serpe devoradora de cadáveres, despois can con testa de serpe, despois can con dúas cabezas e cola de serpe (ou con moitas colas).

TÉMERACurioso ser con corpo de león, moi temido, que garda tesouros (vive nalgunhas comarcas ourensáns).

BIBLIOGRAFÍA“Diccionario dos seres míticos galegos”. Xoán R. Cuba, Antonio Reigosa, Xosé Miranda. Ed Xerais, 1999.

“Cambados. A tradición oral”. Colexio Público Castrelo, Cambados, 1980.

“Ritos y creencias gallegas”. Xesús Taboada Chivite. Ed. Sávora, 1982.

1º ESO

Febreiro 2014