MANIFESTO
Os/as abaixo asinantes presentamos este Manifesto e facemos público a través do
mesmo a nosa intención de construír un novo movemento capaz de constituírse como
alternativa aos actuais movementos da mocidade do noso país. Un movemento
asembleario e democrático.
Dirixímonos á mocidade galega coa proposta de cambiar o mundo. Este é o noso
obxectivo e a nosa obriga. A nosa proposta nace da análise daquelo que nos rodea: desde
o local ata o global, dúas esferas que se cruzan, que deben vivir na nosa actividade
política.
Cremos firmemente na construcción dunha sociedade democrática, libre e solidaria, sen
explotados nin explotadores, sen opresores nin oprimidos.
Cremos necesario o impulso dun novo movemento da mocidade que desde a
participación directa dos/as seus/súas membros articule unha loita colectiva para
rematar coa actual realidade social, laboral e cultural.
Pensamos que só a través dunha profunda formación e praxe política podemos acadar a
liberdade colectiva e individual.
Pensamos que é o momento de que as mozas e mozos galegas/os reivindiquen o seu
dereito a un proxecto adecuado ao obxectivo de toda nación: a independencia. Un
movemento desde o que loitar por unha vía para a liberdade de tódolos colectivos e
sociedades: o socialismo.
Só a través da loita colectiva é posible transformar o mundo e construír outro
novo.
Unha política diferente, un mundo diferente: é posible, é necesario, é urxente. Polo
mesmo manifestamos:
1) Galicia é unha nación supeditada ás esixencias políticas, sociais e económicas do
estado español. Somos nacionalistas co claro e definido obxectivo de loitar pola
independencia do noso país. Loitamos por unha Galiza libre, soberana e
independente. Defendemos e esiximos o dereito á autodeterminación dos pobos,
manifestando a nosa solidariedade internacionalista con aqueles que viven
subsumidos ao poder dun Estado alleo.
2) No Mundo a diferencia entre ricos e pobres continua a aumentar cada día. A nosa
análise da realidade basease na diferencia de clases que opera na sociedade
capitalista. Somos de esquerdas e pensamos que a única solución é a construcción
dun futuro socialista.
3) Defendemos a nosa Lingua e a nosa Cultura, hoxe en retroceso debido ás políticas
de “bilingüismo harmónico” da Xunta e ao seu pouco ou nulo interese en políticas
de investigación, defensa e espallamento do noso patrimonio cultural e lingüístico.
Loitamos polo que nos é propio e apoiamos a todos aqueles pobos que ven como o
que lles é propio desaparece.
4) A Globalización non é máis que unha nova forma de Imperialismo capitalista.
Considerámonos inseridos dentro do movemento antiimperialista e anti-
globalización que loita contra a espoliación económica e a dominación política que
levan adiante as potencias neoliberais.
5) A nova forma de producción variable, da “fábrica difusa”, localizada alí onde os
custos de producción e salarios sexan o máis pequenos posibles, define o novo tipo
de traballador/a: flexible e vulnerable. Avogamos pola redistribución e reapropiación
do salario e non polo traballo no contexto da precariedade. A precariedade, o paro e
a emigración non poden ser as alternativas para a nosa xeración e para as xeracións
futuras.
6) A situación laboral, social, política e cultural a que se ven enfrontadas as mozas
segue a ser moito máis dura que a situación dos mozos: a igual traballo, menos
salario, máis precariedade, violencia de xénero. Loitamos activamente pola
igualdade entre os homes e as mulleres. É a obriga de todos os mozos e mozas
defender posicións feministas baseadas en análises socialistas da nosa realidade.
7) A educación é un factor de liberación e de emancipación á que toda a mocidade
debe ter aceso. É un elemento primordial no desenvolvemento integrado do noso
país en todas as súas vertentes afirmándose como un elemento de enriquecemento
dun pobo. Consideramos que a educación debe constituír claramente unha
prioridade do investimento público. Defendemos como opción política unha
educación plenamente pública, laica, galega e de calidade.
8) Asistimos actualmente a unha nova diáspora no noso país: cada vez son máis os
mozos e mozas que se ven obrigados a marchar fóra na procura dun futuro mellor.
Ademais non podemos esquecer os milleiros de galegos e galegas espallados polo
mundo enteiro. Nin o estado español nin a Xunta de Fraga se preocupan o máis
mínimo polos nosos concidadáns. É necesaria unha política que apoie o seu retorno
e impida que no futuro sigamos a perder parte da nosa forza productiva.
9) Nos últimos anos vemos como aumenta o fluxo de inmigrantes, mozos e mozas que
veñen fuxindo de países onde o sistema capitalista e a súa consecuente espoliación
están unha fase máis insufrible que no noso. Consideramos fundamental a
integración das comunidades de inmigrantes, respectando e valorizando as
características propias destas comunidades. Estamos ao seu lado defendendo os
dereitos da súa cidadanía, aínda que non vexamos a inmigración masiva como
solución para ningún pobo
10) Rexeitamos a destrucción e a explotación dos recursos naturais resultantes do
sistema capitalista que busca o lucro. Porque estamos fartos de ser unha colonia
onde se espolian as nosas riquezas e se destrúen os nosos montes, ríos e mares.
Porque estamos fartos de ver como no mundo o poder neoliberal espolia os recursos
dos cidadáns.
11) É urxente a existencia dunha verdadeira política que proporcione medidas
sistemáticas e eficaces de prevención, tratamento e reinserción social das persoas
drogodependentes e alcohólicas. Non admitimos que ningún mozo ou moza sexa
preso/a por razóns de consumo de drogas. Defendemos unha discusión pública sobre
as drogas e desmitificación de falsas ideas que só benefician ao sistema capitalista e
garanten que o narcotráfico continúe a ser un dos seus piares.
12) Consideramos fundamental o respecto e a defensa das diversas orientacións sexuais
dos individuos. Apoiamos as intervencións nas loitas dos colectivos de gais,
transexuais e lesbianas.
Estes son as nosas evidencias. Axúdanos a desenvolvelas, a facelas realidade, a
estendelas. Únete a nós.