2
ÍNDICE
Páx.
1. INTRODUCIÓN. .......................................................................... 3
2. A MANTEIGA. ............................................................................. 4
3. PRODUCIÓN DE MANTEIGA EN GALICIA. .................................. 5
4. MERCADO E PREZOS DA MANTEIGA. ........................................ 7
5. CANLES DE DISTRIBUCIÓN DA MANTEIGA. .............................. 10
6. CONCLUSIÓNS. .......................................................................... 13
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS. .................................................. 15
Estudio sobre a comercialización da manteiga Páxina | 3
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
1. INTRODUCIÓN.
O presente estudo pertence a nunha liña de traballo da
asociación AXEL que ten por obxectivo a detección de oportunidades de
negocio para as zonas rurais da provincia de Lugo. Xorde a raíz da
lectura dun artigo publicado o 5 de decembro de 2016 na web
www.campogalego.com segundo o cal “la reducción de la producción de
leche en la UE y en otros países de referencia ha llevado a que los precios
de la mantequilla se disparasen hasta alcanzar el mayor pico de los
últimos 10 años” (G.B., 05/12/2016), se ben no propio artigo fan
constar que “esa mejora del mercado de la mantequilla y de otros
productos lácteos industriales aun no llegó a las granjas”. Esta situación
relacionámola coas conclusións obtidas dun estudo precedente
realizado na asociación, no que chamaba a atención “a escasa
comercialización de manteiga elaborada a partir do leite producido pola
cabana de vacún galego, o que ten unha difícil explicación cando Galicia
é a comunidade autónoma que máis leite de vacún produce de todo o
estado español (con diferenza, xa que triplica á produción de Castela e
León, que é a segunda) e as marxes comerciais no prezo do leite nos
últimos anos son negativas para moitos gandeiros”.(AXEL, 2016, p.11).
Así pois, a finalidade é determinar en qué medida está sen cubrir
a demanda de manteiga ecolóxica nas tendas especializadas e en qué
medida o incremento na súa produción podería mellorar os
rendementos económicos das explotacións gandeiras, comparándoo en
ambos casos coa situación da comercialización da manteiga elaborada a
partir de leite de vacún obtido a partir de sistemas convencionais de
produción.
Estudio sobre a comercialización da manteiga Páxina | 4
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
2. A MANTEIGA.
Segundo o dicionario da Real Academia Galega, a manteiga é a
“substancia graxa comestible que se obtén batendo a tona do leite ata
que queda consistente”. A definición da Real Academia Española fala
dun “producto obtenido por el batido, amasado y posterior maduración
de la crema extraída de la leche de vaca o de otros animales”, o que
evidencia a laboriosidade do proceso (que implica batemento, amasado
e posterior maduración) e o fai extensivo á crema extraída do leite “de
outros animais”, aplicación que na definición galega se omite, debido a
que tradicionalmente en Galicia o proceso para a obtención de manteiga
se aplicaba só ao leite de vaca. Presenta unha consistencia branda a
temperatura ambiente, cor marela e sabor suave. Pódese consumir
crúa, untada en pan ou galletas, ou como ingrediente na elaboración de
pratos e cocción de alimentos.
Para que a manteiga reciba a consideración de “ecolóxica”, a
alimentación, o manexo e os tratamentos aos que se somete ás vacas
deben axustarse ao sistema de produción ecolóxica, é dicir, debe ser
respectuosa co medio ambiente e estar libre de produtos químicos de
síntese. En Galicia as producións ecolóxicas están amparadas pola
etiqueta do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia
(CRAEGA), que se pode ver na Imaxe 1.
Imaxe 1: Etiqueta do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica.
Fonte: CRAEGA.
Estudio sobre a comercialización da manteiga Páxina | 5
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
3. PRODUCIÓN DE MANTEIGA EN GALICIA.
A día de hoxe en Galicia existen moitas empresas que
comercializan manteiga elaborada a partir de leite de vacún obtido
mediante sistemas de produción convencionais, tales como Leite Celta,
S.L., Leite de Galicia, S.L., Grupo Leite Río, S.A., Queixería Prestes,
Lácteos Farelo, S.L., etc. Pola contra, só se atopan rexistrados en
Galicia dous produtores de manteiga ecolóxica: Casa grande de
Xanceda e Dairylac S.L.
A Casa Grande de Xanceda é unha empresa familiar do concello
de Mesía (provincia da Coruña), dedicada á elaboración de produtos
lácteos ecolóxicos de alta calidade. Producen e venden leite ecolóxico e
dende o ano 2006 elaboran e comercializan unha ampla gama de
produtos lácteos ecolóxicos que levan a súa propia marca, entre os que
destacan os iogures, os queixos e a manteiga. Actualmente contan con
200 Ha de pastos e 380 vacas, sendo un dos maiores produtores de
lácteos ecolóxicos en España.
Imaxe 2: Envase de 200g de manteiga ecolóxica.
Fonte: Casa Grande de Xanceda.
En Lugo, concretamente en Palas de Rei, outra granxa familiar
“Arqueixal”, dedicada á produción de queixo, iogur e leite fresco
ecolóxicos, fixo pública no ano 2012 a súa intención de elaborar e
comercializar manteiga ecolóxica para ampliar a gama de produtos que
xa ofertaba, sen que ata o momento se teña materializado esta idea.
Quizais debido á posta en marcha por parte da empresa dun proxecto
de ecoagroturismo, coa restauración dun conxunto de casas antigas coa
idea de acoller a hóspedes e dar a coñecer o seu modo de vida.
Estudio sobre a comercialización da manteiga Páxina | 6
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
Dairylac, S.L. é unha compañía ubicada en Melide (provincia da
Coruña) dedicada á fabricación, procesamento e comercialización de
derivados lácteos. É un proxecto de recente posta en marcha,
emprendido conxuntamente pola empresa melidense Lasurgal, S.L., as
cooperativas ICOS e Codeira, e a Xunta de Galicia (a través de
Xesgalicia), cuxa misión é investigar, crear, producir e comercializar
alimentos de alto valor engadido que, ademais de satisfacer as
necesidades nutritivas da sociedade, melloren o seu benestar e a súa
saúde. Comercializan os seus produtos baixo a marca “Deleitar”,
especialmente para hostalería e obradoiros, e ademais de queixo crema
e mascarpone, ou tona líquida, xa iniciaron a comercialización de
manteiga obtida a partir de leite de vaca.
Imaxe 3: Produtos da marca “Deleitar”.
Fonte: www.campogalego.com.
Estudio sobre a comercialización da manteiga Páxina | 7
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
4. MERCADO E PREZOS DA MANTEIGA.
Entre as fontes consultadas ao respecto da produción, mercado e
consumo de manteiga destaca a existencia de datos dispersos, pouco
homoxéneos e non sempre actualizados.
Segundo un estudo feito polo Ministerio de Agricultura e Pesca,
Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) o volume de produción de
manteiga ecolóxica en España no ano 2013 foi de 344.690 quilogramos,
descendendo con respecto ao ano anterior un 4,6%. En canto ao valor
de produción, no ano 2013 situábase en torno aos tres millóns de
euros, como se reflicte no Gráfico 1.
Gráfico 1: Volume e valor da produción de manteiga ecolóxica.
Fonte: MAPAMA.
O prezo da manteiga ecolóxica incrementouse nun 3,6% de 2012
a 2013, situándose neste último ano en 8,70 €/kg.
Gráfico 2: Evolución do prezo da manteiga ecolóxica (€/kg).
Fonte: MAPAMA.
Estudio sobre a comercialización da manteiga Páxina | 8
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
Segundo un estudo da Oficina de Estudios y Políticas Agrarias
(ODEPA) do Gobierno de Chile (Esnaola, V.M., xuño 2014) a Unión
Europea é o segundo produtor mundial de manteiga1, con 2.090.000
toneladas en 2013 (o primeiro é a India, con 4.745.000 toneladas,
mentres que o terceiro, a unha distancia considerable, foron os Estados
Unidos con 852.000 toneladas). Os datos proveñen de ODEPA, a partir
das estimacións do Departamento de agricultura estadounidense
(USDA)), que estiman o incremento anual na produción mundial en
torno ao 2%. Sendo o segundo produtor mundial, a Unión Europea é
tamén o segundo exportador de manteiga a nivel mundial con 128.000
toneladas en 2013 (o primeiro é Nova Zelandia con 461.000 toneladas, e
séguenlle en terceiro lugar os Estados Unidos con 94.000 toneladas,
segundo datos incluídos no mesmo informe de ODEPA en base a un
estudo da FAO en 2014) e, aínda que poida parecer paradóxico, a Unión
Europea é o quinto importador mundial de manteiga, con 43.000
toneladas en 2013, por detrás de Rusia, China, Arabia Saudí e Irán
(segundo a mesma fonte). Estes datos indican claramente o dinamismo
do comercio deste produto.
No mesmo estudo da ODEPA, e baseado en información do
Agricultural Marketing Service do USDA, indícase que os prezos
internacionais da manteiga no ámbito europeo flutuaron entre os 3,20 e
os 6,00 €/Kg, no período entre os anos 2010 e 2014, e a maior parte do
tempo estiveron entre os 4,00 e os 5,00 €/Kg. Estes datos son
coincidentes cos ofrecidos polo MAPAMA para o prezo da manteiga
“convencional” en España, que no ano 2013 se situaba en 6,12 €/Kg,
fronte aos 6,23 €/Kg do ano 2012 (ver Gráfico 3). Por tanto, parece que
a manteiga “convencional” en España alcanza uns prezos lixeiramente
superiores aos prezos medios no conxunto da Unión Europea (6,23 ou
6,12 €/Kg, fronte aos 6,00 €/Kg nos momentos máis favorables). Datos
máis recentes atopámolos publicados polo Observatorio do Mercado
Lácteo Europeo, que reflicte unha baixada continuada dos prezos
medios da manteiga a nivel europeo dende os 4,00 €/Kg a comezos do
1 O estudo non especifica o tipo de manteiga atendendo ao sistema de produción. Suponse que a “ecolóxica” está incluída, tanto no volume comercializado como nos prezos medios, pero debido á baixa porcentaxe que representa no conxunto total, tómanse as cantidades como referentes a sistemas de produción “convencional”.
Estudio sobre a comercialización da manteiga Páxina | 9
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
ano 2014, ata os 2,50 €/Kg en maio de 2016 (o prezo máis baixo dos
últimos 6 anos), momento dende o que empezan a subir ata situarse a
finais de 2016 en torno aos 4,25 €/Kg. Isto parece motivado pola crise
de excedentes de leite dos últimos dous anos e a conseguinte redución
na produción de leite na UE, quizais influenciado pola desaparición do
sistema de cotas en abril de 2015.
O que non cabe dúbida é que a manteiga ecolóxica se paga moito
mellor que a “non ecolóxica”. En torno a un 40% máis: 8,70 €/Kg a
ecolóxica fronte a 6,12 €/Kg a convencional, en 2013 en España.
Gráfico 3: Evolución do prezo da manteiga “convencional” (€/kg).
Fonte: MAPAMA
Estudio sobre a comercialización da manteiga Páxina | 10
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
5. CANLES DE DISTRIBUCIÓN DA MANTEIGA.
No Gráfico 4 obsérvase que a canle de distribución onde maior
volume de manteiga ecolóxica foi exposta no ano 2013 en España foron
os pequenos supermercados (cun 36,8%), mentres que o menor volume
correspondeu aos grandes supermercados (só o 16,6%). Respecto ao
ano 2012 os hipermercados gañaron un 2,5% en volume, que perderon
os pequenos e medianos supermercados.
Gráfico 4: Concentración de volume de manteiga ecolóxica por canles (%).
Fonte: MAPAMA.
No caso de manteiga convencional (Gráfico 5), practicamente a
metade en volume deste produto se comercializa a través dos grandes
supermercados (un 49,6% no ano 2013), tendo unha baixa distribución
a través dos pequenos supermercados (13,1% en 2013, e sen variacións
ao respecto de 2012) e dos hipermercados (16,3% en 2013, fronte ao
17,9 en 2012).
Estudio sobre a comercialización da manteiga Páxina | 11
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
Gráfico 5: Concentración de volume de manteiga non ecolóxica por canles (%).
Fonte: MAPAMA.
Da análise dos gráficos 4 e 5 conclúese que a canle de
distribución prioritaria para a manteiga ecolóxica son os pequenos
supermercados (máis da terceira parte), gañando terreo os
hipermercados (que comercializan a cuarta parte do volume total), é
dicir, as canles dos extremos, mentres que para a manteiga
“convencional”, ou non ecolóxica, son os grandes supermercados (con
case a metade do volume) a principal vía de comercialización do
produto. En canto ao valor económico, é de salientar que as maiores
vendas en volume non necesariamente se traducen nas mesmas
porcentaxes en valor. Así, no caso da manteiga ecolóxica a porcentaxe
do valor das vendas no caso dos pequenos supermercados é 4 puntos
inferior respecto á porcentaxe en volume (32,7% en valor fronte ao
36,8% en volume, en 2013), mentes que son os hipermercados os que
sacan un maior rendemento das súas vendas (fronte a unha porcentaxe
en volume do 24,7 conseguen 28,8 en valor, en 2013). No caso da
manteiga non ecolóxica tamén son os hipermercados os que sacan o
mellor rendemento económico. Os grandes supermercados que
acaparan o maior volume de distribución do produto cun 49,6%, en
valor quédanse case 5 puntos por debaixo (44,7%). En cambio os
hipermercados cun volume do 16,3% representan en valor un 19,0%,
Estudio sobre a comercialización da manteiga Páxina | 12
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
case 3 puntos máis. Isto evidénciase máis claramente na Gráfica 6,
onde se presentan os prezos da manteiga ecolóxica en función das
canles de distribución empregadas.
Gráfico 6: Evolución do prezo da manteiga ecolóxica por canles de distribución.
Fonte: MAPAMA.
Obsérvase que nos hipermercados (10,12€/Kg) e grandes
supermercados (9,74€/Kg) a manteiga ecolóxica se vende a prezos moi
superiores aos da media en España (8,70 €/Kg), mentres que os
medianos (7,90 €/Kg) e pequenos (7,74 €/Kg) supermercados venden
por debaixo desa media (datos referidos ao ano 2013. Os hipermercados
e grandes supermercados son tamén os que máis incrementaron os
prezos do produto respecto ao ano 2012.
Estudio sobre a comercialización da manteiga Páxina | 13
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
6. CONCLUSIÓNS.
Despois da análise precedente constátase que os prezos da
manteiga están actualmente moi condicionados pola situación que
atravesa o sector lácteo en Europa. Quizais xa se teña superado a etapa
de transición a raíz da supresión das cotas lácteas, e a recuperación
dos prezos da manteiga durante a segunda metade do ano 2016 remate
nos seguintes meses coa estabilización dos mesmos. En calquera caso,
parece que o da manteiga é un mercado moi dinámico, xa que no
conxunto da Unión Europea, sendo o segundo produtor e exportador
mundial é ao mesmo tempo o quinto importador. Semella que en
España a situación é similar. Segundo datos da Organización
Interprofesional Láctea no ano 2015 o consumo de manteiga en España
foi de 14.000 toneladas, cantidade que practicamente iguala ás
exportacións realizadas (14.119 toneladas), mentres que as
importacións ascenderon a 20.922 toneladas. Atendendo a estes datos,
e tendo en conta que as importacións de manteiga aumentan ano a ano
(desde as 13.866 toneladas do ano 2010) parece claro que a demanda
deste produto non está cuberta e que hai moita marxe para a
incorporación de novos produtores.
Segundo a mesma fonte (INLAC, 2016) en Galicia o consumo de
derivados lácteos per cápita en 2015 foi de 34,83 Kg, lixeiramente por
debaixo da media española, que se sitúa nos 35,79 Kg, moi lonxe da
comunidade autónoma de Canarias, que é a primeira con 42,72 Kg.
Polo tanto, co apoio de campañas adecuadas para a promoción do seu
consumo, tamén se aprecia unha ampla marxe para a absorción de
novas producións.
Polo que respecta aos prezos, parece que en España son
lixeiramente superiores aos prezos medios para o conxunto da UE para
a manteiga “convencional”, destacando que para a ecolóxica os prezos
son da orde dun 40% superiores aos que se pagan pola manteiga “non
ecolóxica”. En canto ás canles de distribución, semella que os
maioritarios no caso da manteiga ecolóxica son os pequenos
supermercados e os hipermercados, mentres que para a “non ecolóxica”
se comercializa principalmente a través dos grandes supermercados. En
Estudio sobre a comercialización da manteiga Páxina | 14
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
ambos casos son os hipermercados os que maior rendemento
económico obteñen en relación ao volume que comercializan, xa que
conseguen vender o produto a prezos moi superiores aos prezos medios.
No caso da manteiga ecolóxica, en torno a un 15% superior.
Destacar finalmente a existencia de tan só dúas empresas en
Galicia que contan co aval do Consello Regulador de Agricultura
Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) para a produción de manteiga coa
etiqueta de “ecolóxica”. Isto evidencia a escasa competencia que hai
actualmente na nosa comunidade para novos produtores e
comercializadores de manteiga ecolóxica, o que representa unha
oportunidade para moitos gandeiros e gandeiras.
Estudio sobre a comercialización da manteiga Páxina | 15
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS.
Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses (agosto, 2016). Estudo
de mercado e comercialización de produtos ecolóxicos. Lugo: AXEL.
Brocos, G. (11/02/2015). Campo Galego. Recuperado o 13/12/2016 de
http://www.campogalego.com/es/leche/barra-libre-la-produccion-de-
leche/
D.G. (19/07/2016). Campo Galego. Recuperado o 13/12/2016 de
http://www.campogalego.com/es/leche/dairylac-lanza-nuevos-
productos-lacteos-al-mercado/
EFE. Lugo (16/04/2012). Laopinioncoruña. Recuperado o 15/12/2016
de http://www.laopinioncoruna.es/galicia/2012/04/16/empresa-lugo-
ultima-nueva-mantequilla-ecologica/599734.html
Esnaola, V.M. (xullo, 2014). Oficina de Estudios y Políticas Agrarias
(ODEPA) do Gobierno de Chile. Recuperado o 16/12/2016 de
http://www.odepa.cl/wp-
content/files_mf/1406041089Mantequilla2014.pdf
EU Milk Market Observatory (2016). Prices of EU Dairy commodities.
Recuperado o 16/12/2016 de
https://ec.europa.eu/agriculture/sites/agriculture/files/market-
observatory/milk/pdf/eu-dairy-commodity-prices_en.pdf
G.B. (05/12/2016). Campo Galego. Recuperado o 13/12/2016 de:
http://www.campogalego.com/es/leche/el-precio-de-la-mantequilla-
alcanza-el-mayor-pico-de-los-ultimos-10-anos/
Mayordomo, L (31/03/2015). El Comercio. Recuperado 15/12/2016 de:
http://www.elcomercio.es/asturias/201503/31/pone-anos-cuota-
lactea-20150331001513-v.html
Estudio sobre a comercialización da manteiga Páxina | 16
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
Organización Interprofesional Láctea (INLAC) (2016). El Sector Lácteo en
España. Datos de producción, industria y consumo (2008-2015).
Recuperado o 15/12/2016 de
http://inlac.es/admin/uploads/files/id_20173418_Informesocioecono
micoinlac20.09.16.pdf
Subdirección General de Calidad Diferenciada y Agricultura Ecológica
do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente
(MAGRAMA) (xuño de 2014). Caracterización de las ventas de alimentos
ecológicos, biológicos u orgánicos en la distribución organizada de base
alimentaria en España (1º semestre de 2013). Recuperado o
14/12/2016 de
http://www.mapama.gob.es/es/alimentacion/temas/la-agricultura-
ecologica/Informe_productos_ecologicos_Semestre_01'13_tcm7-
307387.pdf
Este documento rematouse de elaborar en decembro de 2016
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES Rúa Montero Ríos, 69, Entrechán. 27002, Lugo (España) CIF: G27305218 - Inscrición Rexistral: 2004-7139-1 Correo: [email protected] Teléfono: +34 982221510
Top Related