AS TRANSFORMACIÓNS SOCIOECONÓMICAS
NA ESPAÑA LIBERAL
Selección documental a partir da realizada por Xosé Alfeirán, Ana Brea e Ana Romero
ÍNDICE
1. Unha fábrica moderna, a de Bonaplata en Barcelona
2. Recomendacións para evitar o cólera
3. Incendio provocado na fábrica Bonaplata de Barcelona en 1835
4. O fracaso da experiencia industrial andaluza
5. A vida de España está nas extremidades
6. Melloras nas grandes cidades
7. Cerramento de terras e propiedade comunal en Galicia
8. Industria e minería en Cartaxena
9. A siderurxia asturiana
10. Regulamentación básica para a construción do ferrocarril en 1855
11. A reordenación bancaria de 1856
12. Os gastos familiares
13. Os efectos combinados das malas colleitas
14. A insurrección de Loja (Córdoba) de 1861
15. As propostas anarquistas da Federación Rexional Española da AIT
16. Os sucesos de Alcoi
17. O primeiro trazado ferroviario en Galicia
18. A defensa do proteccionismo
19. Produción e exportación mineira española. 1860-1904
20. A Man Negra
21. Versión dun estranxeiro sobre a alta sociedade madrileña
22. Traballo, pobreza e enfermidade a finais do século XIX
23. Mendigos nas cidades
24. As propostas socialistas
25. Medios para conseguir a revolución segundo os socialistas
26. Explotación e beneficio capitalista
27. Unha definición de anarquismo
28. A xerarquía eclesiástica contra o socialismo
29. Os terratenentes andaluces
30. O papel do monte na economía galega
31. A loita pola redención dos foros en Galicia
32. Galegos en América
33. Emigración e fracaso
34. Os movementos migratorios
35. Dereito á folga e xornada máxima a comezos do século XX
36. O poder político e os obreiros segundo os socialistas
37. A forza do número para a liberación: o agrarismo galego
38. A gripe de 1918 na Coruña
39. O nacemento dun novo partido, o comunista
40. Produción industrial e obras públicas na ditadura de Primo de Rivera
1. Unha fábrica moderna, a de Bonaplata en Barcelona
Para fomentar a modernización da industria, o goberno de Fernando VII ofreceu beneficios
comerciais ao industrial catalán Xosé Bonaplata en 1831.
S.M. (...) aprobou as seguintes bases (...) de contrato entre a Real Facenda e o referido Bonaplata:
1º. Bonaplata montará na cidade de Barcelona unha fábrica de fiados (...) na que se fíen, polo
menos, corenta libras de fío fino cada día.
2º. Unha fábrica de fiar algodón polo sistema completo de Danforth.
3º. Unha variedade completa de teares mecánicos (...) polos sistemas máis perfeccionados de
Inglaterra e Francia (...).
6º. Todas as máquinas deberán moverse por unha a vapor e permitirase a entrada libre e franca á
fábrica de todos os fabricantes que desexen informarse do mecanismo e dos seus métodos, pois a
intención é xeneralizar o seu emprego en todo o reino.
7º. Montará ademais un taller de construción de máquinas (...) e ao seu carón unha fundición para
fundir as pezas necesarias para estas máquinas (...).
8º. Este taller e fundición, dirixido por ingleses e polo sistema inglés, deberá construír dous centos
teares mecánicos ao ano (...).
11º. Querendo o Goberno facilitar a Bonaplata todos os medios de establecer e xeneralizar estes
métodos de industria, remuneralo nos seus servizos (...), permítelle, por un prazo de cinco anos (...),
a entrada libre, sen pago algún, do ferro colado, cobre e carbón de pedra que xulgue precisos para
o seu taller de fundición (...).
17º. O Intendente de Cataluña protexerá o proxecto de Bonaplata.
MINISTERIO DE FACENDA. Contrata. 20-12-1831 [cast.]
2. Recomendacións para evitar o cólera
Ao longo do século XIX, en España mantivéronse algúns problemas característicos do réxime
demográfico antigo, como as epidemias; para evitar a súa propagación tomáronse diversas
medidas.
Ameazada a saúde dos habitantes desta heroica capital, a solícita previsión da S.M. ten a ben
dispoñer (...) que esta Xunta de Sanidade forme unha instrución sinxela, que estea ao alcance de
todos, comprensiva do método que se debe adoptar para preverse do cólera morbo, e dos primeiros
medios do seu tratamento (...).
Para conseguir tan importante obxecto sería moi conveniente tomar algún baño xeral de auga
temperada, a fin de limparse toda a pel, tendo coidado de non expoñerse ao aire frío ao saír, porque
isto podería ocasionar todos os males que sobreveñen cando as persoas deixan de suar ou se
arrefría a pel repentinamente. (...) As casas deben varrerse todas unha vez ao día, e dúas as
habitacións máis frecuentadas; deben ventilarse cando se poida pola mañá ao saír o sol, e pola
tarde media hora despois do trasposto (...). Con canta máis frecuencia poida mudarse a roupa de
uso ordinario, tanto máis se contribuirá a conservar a saúde, sempre que se faga coas debidas
precaucións. (...)
Son igualmente danosas as paixóns fortes de ánimo, como a ira, o terror e aínda a tristeza e a
melancolía, porque unhas ocasionan inmediatamente enfermidades, ás veces moi temibles, e outras
dispoñen en termos que o máis mínimo motivo sexa suficiente para que o suxeito se poña malo; o
medio de evitalo é procurarse distraccións inocentes, que sen axitar extraordinariamente o ánimo,
entreteñen dun modo agradable, e conduce moito a isto o pasear con frecuencia en horas que non
faga frío nin calor excesivo, por paraxe ben ventilado e nada húmido. (...)
Se se presentan tres ou catro evacuacións de ventre líquidas, se arrefrían algo as pernas, hai
ademais algún arrepío en varias partes do corpo, con sensación de peso ou lixeira dor de cabeza,
ardor de estómago, sede e algunha cambra, porase ao enfermo na cama, aplicaránselle botellas de
auga quente, ou ladrillos ou baetas quentes nos pés.
XUNTA DE SANIDADE DE MADRID. Instrucións. 30-6-1834 [cast.]
3. Incendio provocado na fábrica Bonaplata de Barcelona en 1835
Nos inicios da formación da clase proletaria e paralelamente á introdución do maquinismo,
rexistráronse en toda Europa accións violentas coas que os traballadores trataban de destruír o
que consideraban o seu inimigo: as máquinas (movemento ludista ou mecanoclasta).
Un inimigo da prosperidade pública logrou sen dúbida seducir a algúns suxeríndolles a idea de que
a fábrica de vapor de Bonaplata, Vilaregut, Rull e compañía, prexudicaba ao pobre xornaleiro,
porque causaba a diminución no prezo do seu xornal; con este engano, os seducidos, en vez de
acudir á Xunta de Autoridades pedindo leis que mellorasen a sorte das clases inferiores (...), en vez,
repetimos, de ocuparse o pobo en pedir estas leis que podían facer a súa felicidade e establecer
solidamente un verdadeiro goberno representativo, detívose en destruír os elementos da riqueza
nacional queimando a fábrica de Bonaplata e compañía. Con isto, os que o fixeron acreditaron as
voces de que Barcelona estaba chea de anarquistas que só aspiraban a enriquecerse co roubo da
propiedade dos cidadáns pacíficos (...).
E cando todas as nacións da Europa recompensan con munificencia aos inventores dun
descubrimento que acelere os motores das máquinas de vapor para dar maior vigor á industria; (...)
cando sen o vapor seremos sempre e necesariamente tributarios da industria estranxeira porque
nunca poderemos rivalizar nin competir con ela (...). Non é un inimigo do pobo o que induce a
queimar as máquinas de vapor? Non é un o que quere un día de gloria aos industriais estranxeiros?
Poderemos sen o vapor fabricar as muselinas, holandas e outras manufacturas que temos agora que
comprar no estranxeiro, e en que se empregarían os brazos do xornaleiro español?
El vapor. 10-8-1835 [cast.]
4. O fracaso da experiencia industrial andaluza
Nos inicios da industrialización en España intentouse competir seguindo os sistemas
tradicionais, pero a experiencia demostrou que era inviable. Así sucedeu en Andalucía coa
industria siderometalúrxica, que fracasou ante a competencia dos prezos do ferro europeo,
obtido por métodos renovados.
Haberá como trece anos que tivo a súa orixe a ferrería da Concepción situada (...) ao oeste de
Marbella (...). A primeira idea dos accionistas foi traballar o ferro polo único medio coñecido ata
entón en España que era o catalán. Os primeiros ensaios foron desgraciados, aínda que ensinaron
unha verdade importante: que era preciso abandonar o método. A prudencia e o bo xuízo
aconsellaban tomar leccións alí onde florecese este ramo da industria, como por exemplo Holanda
ou Inglaterra, e así se fixo (...). A experiencia demostrou que o ferro saía demasiado caro e aínda
que fose mellor que o de Biscaia ou o do estranxeiro, non podía competir en prezo. (...)
Máis desgraciadas que as ferrerías da Concepción e Constancia foron as de Pedroso, que por
espazo de 23 anos estiveron batallando con todo xénero de dificultades e facendo continuos e
inmensos desembolsos cuns intereses que aínda non conseguiron pagar. Nesta adoptouse o afino do
ferro con carbón vexetal, sen atreverse a acometer o afino á inglesa ou con carbón mineral por falta
de capitais (...). A chapa de Pedroso era de mellor calidade, pero non podía competir no prezo coa
estranxeira.
Manuel María GUTIÉRREZ. Novas consideracións sobre a liberdade absoluta de comercio e
portos francos. Madrid, 1839 [cast.]
5. A vida de España está nas extremidades
O proceso industrializador español presenta como un dos trazos característicos un forte
desequilibrio territorial e rexional, con zonas atrasadas e focos de desenvolvemento industrial
na periferia: Cataluña, provincias vascas e Asturias.
Cabalmente temos en España un inconveniente moi grave que inflúe máis do que se cre en paralizar
o noso desenvolvemento e en facer inútiles os mellores desexos. A vida de España está nas
extremidades; o centro está exánime, fraco, frío, pouco menos que morto. Cataluña, as provincias
Vascongadas, Galicia, varios puntos do mediodía, ofrécennos un movemento, unha animación da
que non participa o corazón de España. Londres é digna capital da Gran Bretaña. París, de
Francia; na actividade, na vida de que rebordan aquelas cidades vedes as indispensables condicións
da cabeza dun gran corpo. En Madrid e en todos os seus arredores a longa distancia nada
semellante encontraredes. Nin agricultura, nin industria, nin comercio.
Xaime BALMES. A sorte de Cataluña, La sociedad. 15-3-1843 [cast.]
E haberá aínda quen negue a Madrid o rango que lle corresponde entre as poboacións fabrís por
excelencia? (...) Falará Barcelona das súas blondas e tecidos, Valencia das súas sedas, Biscaia dos
seus ferros, dos seus viños Xerez ou Valdepeñas, dos seus panos Terrasa, das súas armas Toledo,
das súas las Estremadura, ou dos seus produtos agrícolas Andalucía, Castela e Aragón? Pero, que
son todos estes froitos perecedoiros dunha industria material, comparados cos inmortais e sublimes
da industria matritense, da explotación da fama e do beneficio do campo da gloria? Que son, por
exemplo, unha máquina ou un delicado tecido, producidos pola invención e o traballo dos fillos de
Barcino, ao lado dun dos nosos sabios en corte, políticos ou literatos, improvisados ao menor berro
da gran máquina de reputacións da Porta do Sol? (...). A todos os resumes industriais daqueles
pobos poderá contestar fachendoso co espléndido balance anual da inmensa fábrica cortesán, coa
guía de forasteiros!
Ramón MESONERO ROMANOS. Industria da capital. 1842 [cast.]
6. Melloras nas grandes cidades
A finais do século XIX unicamente Madrid e Barcelona alcanzaban os 500.000 habitantes e
só vivía en cidades de máis de 100.000 o 9% da poboación. Porén, durante o primeiro terzo
do século XX, a poboación urbana pasou do 32% ao 42%. Este crecemento foi posible grazas
ao éxodo rural estimulado pola crise agraria e o desenvolvemento industrial, e as cidades
experimentaron notables cambios urbanísticos e incorporaron novos servizos.
Limpeza. Estaba totalmente abandonado este ramo de policía. Os veciños tiraban aos vertedoiros
de lixo que había nos portais (cando non á rúa) todo o lixo e os desperdicios das casas, e só unha
vez por semana eran recollidos os lixos e varridas as rúas. Posteriormente fíxose o varrido cada
dous días; en 1833, co obxectivo de conxurar a invasión do cólera-morbo, acordouse a supresión
dos vertedoiros dos portais e estableceuse o varrido diario, dispoñendo que os veciños depositasen
pola noite os lixos na rúa (...). Hoxe a limpeza faise ás primeiras horas da mañá, baixando os
veciños ao portal o lixo, que é recollido polos carros da vila debidamente dispostos, e provistos
dunha campaniña que avisa da súa presenza ás criadas. (...)
Iluminación. Antigamente a iluminación das rúas e prazas estaba a cargo dos veciños, que se
coidaban de acender, limpar e conservar os farois. (...) A iluminación de aceite comezou hai dous ou
tres anos a se substituída pola de gas. Se ven iluminadas por este medio as principais rúas (...) e
tamén moitos almacéns, cafés e edificios particulares.
Pedro Filipe MONLAU. Madrid na man.1850 [cast.]
7. Cerramento de terras e propiedade comunal en Galicia
En Galicia existiron múltiples dificultades para que se puxese en práctica a reforma agraria
liberal, a pesar da defensa que se fixo da privatización das terras, pola resistencia dos veciños
ao reparto dos montes veciñais e o mantemento dos foros.
Son moitas en Galicia as terras de pan levar que permanecen ermas, unhas por indolencia, outras
por ignorancia, e as máis polo horror e antipatía que teñen vulgarmente os labradores a todo
cerramento en bens comunais. Figúraselles que o terreo para pastos vén estreito ao gando, e así
odian calquera valla, calquera sebe que se levante, como se fose un medio seguro de provocar fame.
Error fillo da súa cegueira ou das súas paixóns. Non alcanzan que un palmo de terreo reducido a
propiedade particular produce mil veces máis que se permanece no dominio do común, porque
cando se di, "tal monte ou tal devesa é de todos os veciños", mellor se diría "non pertence a ningún".
Que interese, que estímulo pode inducir a traballar aquilo do cal sabemos a ciencia certa que non
gozaremos exclusivamente? (...)
Redúzanse pois os baldíos a propiedade particular, aprovéitense os mananciais que bulen nos nosos
montes e as augas que se desprenden das súas vertentes, e fáganse prados onde a humidade do solo
ou a abundancia do rego o permitan, e queden os terreos máis secaños para devesas e cúbranse de
arborado, ou cámbiese a produción dalgunhas terras xa rozadas substituíndoas con outras de nova
rompa (...) e entón la agricultura florecerá, (...) a constitución agrícola entrará na vía do progreso,
porque co aumento das terras de labor, as pequenas propiedades ascenderán a medianas, as
medianas a grandes e estas últimas nada perderán rodeándose e facéndose maiores.
Manuel COLMEIRO. Memoria sobre o modo máis acertado de remediar os males inherentes á
extremada subdivisión da propiedade territorial de Galicia. 1843 [cast.]
8. Industria e minería en Cartaxena
En Andalucía houbo un intento industrializador no sector siderúrxico que fracasou pola falta
de carbón de calidade e as dificultades de importación impostas polas medidas
proteccionistas.
O número total de fábricas que se construíron nesta provincia de quince anos ata o día, é de 78, das
que descontando 11 que están destruídas, resultan existentes 67; e destas, 28 encóntranse paradas
(...) pola escaseza e elevado prezo do coque (...). Os minerais que no día se benefician proceden
principalmente das serras de Cartaxena e Almagrera, e dos termos de Águilas, Lorca, Mazarrón e
algúns outros, fundíndose todos eles en Cartaxena e Águilas (...). Así, atrévome a indicar a VSI a
conveniencia de que o Goberno da S.M. exima por un tempo determinado ao coque inglés dos
dereitos de entrada, o que creo non prexudica á nosa industria carboeira, porque ata agora non
pode competir con este o coque asturiano. Ben coñezo que poderá algún día ser innecesaria a
importación do coque estranxeiro pola inmensa cantidade de hulla que se encontra en toda a
provincia de Oviedo; pero isto non poderá suceder ata que haxa un camiño de ferro con varios
ramais, que facilite a condución do coque desde as minas de hulla ao porto de Muros, Xixón ou
Villaviciosa.
Xosé de ARCINIEGA. Memoria sobre as fábricas de fundición de chumbo na provincia de
Murcia. 1855 [cast.]
9. A siderurxia asturiana
En Asturias, o desenvolvemento económico estivo ligado á explotación masiva do carbón e á
instalación de altos fornos e de industrias metalúrxicas.
A fábrica nacional de Trubia estaba destinada especialmente á fundición de canóns (...); é un
magnífico e notable establecemento que se encontra constantemente ao nivel dos máis recentes
adiantos e perfeccionamentos (...). Conta con dous altos fornos, dos cales hai un xeralmente en
marcha (...). Ten así mesmo esta fábrica concesións propias de minas de ferro pouco distantes da
fábrica (...) e tamén reúne concesión especial de pertenzas de carbón en Riosa. A fundición destes
fornos é comunmente gris, de boa calidade (...). A produción diaria dun forno é de 150 a 200
quintais (...); o número de persoas afectas a esta produción é de 1.700 e o valor do ferro producido
pode estimarse proximamente en 1.600.000 reais.
Andrés PÉREZ MORENO. Estado da industria mineira en Asturias durante o ano 1856. 1858
[cast.]
10. Regulamentación básica para a construción do ferrocarril en 1855
O impulso da construción da rede ferroviaria procedeu do decidido apoio dos gobernos
progresistas, que estableceron as liñas básicas da súa construción, así como o carácter da
rede, o sistema de concesión ás empresas implicadas e os apoios estatais.
Art.1. Os ferrocarrís dividiranse en liñas de servizo xeral e de servizo particular.
Art.2. Entre as liñas de servizo xeral clasificaranse como de primeira orde as que, partindo de
Madrid, terminen nas costas ou fronteiras do reino (...).
Art.4. A construción das liñas de servizo xeral poderá verificarse polo Goberno, e no seu defecto por
particulares ou compañías. (...)
Art.14. As concesións das liñas de servizo xeral outorgaranse por un prazo de noventa e nove anos
como máximo.
Art.15. Ao expirar o prazo da concesión, adquirirá o Estado a liña concedida con todas as súas
dependencias, entrando no goce completo do dereito de explotación. (...)
Art.20. Concédense desde logo a todas as empresas de ferrocarrís: 1. Os terreos de dominio público
que haxan de ocupar o camiño e as súas dependencias (...). 4. A facultade exclusiva de percibir,
mentres dure a concesión, e de acordo coas tarifas aprobadas, os dereitos de peaxe e os de
transporte.
Lei [de clasificación de ferrocarrís]. 3-6-1855 [cast.]
11. A reordenación bancaria de 1856
A mediados do século XIX os gobernos liberais progresistas sentaron as bases legais dos
sistemas financeiro e bancario español, os tipos de bancos e as súas funcións.
Dona Sabela II, pola graza de Deus e a Constitución raíña das Españas (...) sabede que as Cortes
constituíntes decretaron (...) e Nós sancionado o seguinte:
Art.1. O Banco Español de San Fernando tomará no sucesivo o nome de Banco de España. (...)
Art.3. O Banco de España establecerá no prazo dun ano sucursais en Alacante, Bilbao, A Coruña,
Málaga, Santander, Sevilla, Valencia, Valladolid e Zaragoza (...).
Art.4. En cada localidade só poderá crearse un establecemento de emisión, ben sexa Banco
particular, ben sucursal do de España (...).
Art.21. Todos os Bancos de emisión están obrigados a publicar mensualmente e baixo a súa
responsabilidade, na Gaceta do Goberno, o estado da súa situación, na forma prescrita polo
Ministerio de Facenda. (...)
Art.24. Os Bancos terán un fondo de reserva equivalente ao 10% do seu capital efectivo.
Lei de ordenamento do sistema bancario. 28-1-1856 [cast.]
12. Os gastos familiares
As clases populares ofrecían un forte contraste cos grupos dos poderosos; os reducidos
salarios obrigábanlles a levar unha vida miserable e ter que vivir nunha situación precaria e
de fame permanente.
Gastos de alimentación práctica para o casado (coa súa muller e dous fillos), supoñendo que para
os cónxuxes sexan 269 días de traballo útil por ano, gañando o marido un xornal de 9,94 e a súa
esposa o de 1,57 reais.
IMPORTE EN REAIS
PAN DIARIO
1,200 quilogramos de pan para os pais a razón de 1,175 reais 1,41
0,800 " " " " " nenos " " " " " 0,94
SUMA 2,35
ALMORZO
Os nenos un anaco de pan e un vaso de auga. Os pais un anaco de
pan e unha sardiña salgada, que valen 0,12 reais cada unha 0,24
COMIDA
0,400 quilogramos de fabas, a 1,75 o quilogramo 0,70
0,025 litros de aceite, a 5,12 reais o litro 0,13
SUMA 0,83
CEA
1,400 quilogramos de patacas, a 0,59 reais o quilogramo 0,82
0,025 litros de aceite, a 5,12 reais o litro 0,13
0,035 litros de aceite para o candil, a 5,12 reais o litro 0,18
SUMA 1,13
TOTAL DIARIO 4,55
TOTAL ANUAL 1.660,75
Ildefonso CERDÁ. Monografía estatística da clase obreira de Barcelona en 1856. 1857 [cast.]
13. Os efectos combinados das malas colleitas
Ata ben entrado o século XX mantivéronse en España trazos do modelo demográfico antigo,
con elevadas taxas de mortalidade ocasionada, entre outros factores, polas crises cíclicas de
subsistencias; a de 1857 foi das máis graves, debido ás malas colleitas por alteracións
climáticas e atraso agrícola.
Multitude de pobos quedaron desertos; non só os braceiros, senón incluso cultivadores dunha
riqueza relativa para as condicións do país, abandonaban os seus fogares; só a morte e a desolación
habitaba neles, e lexións de mendigos asaltaban as poboacións dalgunha importancia. As raíces dos
campos suspendían por algúns momentos os temibles efectos da inanición. En tropel emigraban a
provincias e reinos estraños, sementando por onde transitaban o xerme da epidemia da fame e os
camiños públicos servían de leito mortuorio a máis dun desgraciado.
XUNTA DE CARIDADE DAS CATRO PROVINCIAS DE GALICIA. Memoria elevada a S.M.
1857 [cast.]
14. A insurrección de Loja (Córdoba) de 1861
A triste situación dos xornaleiros andaluces deu lugar a unha crecente conflitividade social,
cun elevado grao de violencia, co que pretendían non só mellorar os seus salarios e
condicións de vida, senón tamén reivindicar un reparto das terras máis xusto.
Na vila de Iznájar (...) como á hora das dez da mañá, reunidos nas casas consistoriais, previa
citación verbal e perentoria, os individuos do Concello celebran sesión permanente mentres ocorren
os acontecementos de que é teatro esta vila; ante min o seu secretario, o señor Alcalde presidente
manifestou: que como é notorio, hai poucos momentos acaba de invadir repentinamente esta
poboación unha forza de paisanos armada como de cincocentos a seiscentos homes capitaneados
por don Rafael Pérez Álamo, veciño de Loja, e dando berros e vivas á liberdade atacaron a casa
cuartel da Garda Civil facéndoos prisioneiros e desarmando aos seis gardas que se encontraban
nela resultando, segundo se di, dous feridos dos invasores. Que o xefe deles intimou a entrega de
dúas mil racións de pan, carne e viño, duascentas libras de tabaco en caixas e cigarros, varias
grosas de libriños e a pólvora e as balas que houbese na poboación.
CONCELLO DE IZNÁJAR (Córdoba). Acta. 29-7-1861 [cast.]
15. As propostas anarquistas da Federación Rexional Española da AIT
O anarquismo foi introducido en España a partir de 1868, sendo a corrente maioritaria entre o
proletariado adherido á AIT. Propugnaba a transformación revolucionaria e total da sociedade
capitalista e a abolición da propiedade privada e de calquera tipo de autoridade.
Queremos a abolición de todas as clases sociais e a súa conversión nunha soa de produtores libres,
honrados e intelixentes. Queremos que sexa o traballo a base sobre a que descanse a sociedade, que
o mundo se converta nunha inmensa federación de libres colectividades obreiras (...). Queremos que
os instrumentos de traballo, a terra, as minas, os arsenais, os buques, ferrocarrís, fábricas,
máquinas, etc., sexan propiedade da sociedade enteira, debendo ser unicamente utilizados polas
colectividades obreiras que as fagan producir directamente, no seo das que recibirá o obreiro o
produto íntegro do seu traballo (...). Cremos que só coa práctica destas fórmulas colectivistas poden
harmonizarse a liberdade e a igualdade, resultar a fraternidade e realizarse a xustiza.
O noso lema non pode ser máis claro nin terminante: NON MÁIS DEREITOS SEN DEBERES, NON
MÁIS DEBERES SEN DEREITOS. Ou noutros termos: O QUE QUEIRA COMER QUE TRABALLE.
Este é o socialismo que proclama a Internacional, con estas dúas afirmacións principais: en
economía, o colectivismo; en política, a anarquía. O colectivismo, é dicir, a propiedade común dos
instrumentos de traballo, utilización dos mesmos polas colectividades obreiras que os fagan
producir directamente, e propiedade individual do froito íntegro do traballo de cada quen. A
anarquía, é dicir, a abolición dos gobernos, ou sexa, a súa conversión en simples administradores
dos intereses colectivos (...).
¡Traballadores, acordádevos! Saúde e emancipación social.
CONSELLO FEDERAL DA REXIÓN ESPAÑOLA DA AIT. Manifesto aos federados e a todos
os traballadores de España. 31-1-1872 [cast.]
16. Os sucesos de Alcoi
A fundación da Federación Rexional Española da AIT orixinou a reacción de moitos
empresarios e políticos moderados ante posibles sublevacións populares alentadas polo
anarquismo. O levantamento popular de Alcoi en 1873, no que participaron numerosos
internacionalistas, foi o motivo alegado polas autoridades para prohibir a Internacional en
España en 1874, aínda que mantivo a súa actividade na clandestinidade e non foi disolta ata
1881.
As pretensións dos folguistas tiñan por fin alcanzar un aumento de catro a seis reais diarios nos
salarios. Comezaron a sucederse unha serie de entrevistas, nas que non era posible chegar a un
acordo definitivo e formal, razón pola que os obreiros recorreron ao alcalde primeiro, en demanda
da súa amigable intervención. Este respondeulles que non podía de ningunha maneira acceder nin
xestionar por un amaño a simple vista esaxerado e insufrible para os fabricantes. Novas comisións
intentaron a mesma instancia, pero en vano; o alcalde, cada vez con maior enteireza, rexeitaba as
proposicións (...)
Parece que á saída dos comisionados houbo algúns alborotos na praza, e para calma-los ánimos
saíu ao balcón o señor Albors, repetindo o que dixo aos comisionados, e mostrando enérxica e
decidida actitude. A continuación fixo despexar a praza, e non sabemos por que ordenouse tamén
facer unha descarga, que produciu a morte a dous internacionalistas, e os seus compañeiros,
sinalando aos cadáveres, exclamaron no dialecto propio do país: "Matáronnos a dous irmáns! Ás
armas!"
Este foi o grito de guerra, e de guerra con consecuencias que son referidas por testemuñas oculares
dun modo atroz. Aos poucos momentos, unha multitude armada de fusís, escopetas, trabucos,
machados, navallas, paus e demais invaden a casa municipal, deixando moitas vítimas ao seu paso.
Alí dentro recibiron a morte o señor alcalde, señor Albors, e tres individuos. (...) Dous individuos do
Concello foron mortos nas súas casas e incendiadas estas (...). Entre tanto polas rúas discorría unha
comitiva horrible: o desgraciado señor Albors era arrastrado por chicos e mesmo por mulleres.
Moitos son os edificios destruídos polas chamas. (...) Os sublevados fixeron saír da poboación a
todas as mulleres e nenos pequenos (...). Como reféns hai unhas setenta u oitenta persoas das máis
importantes da cidade, a quen ameazan con fusilar en canto as tropas intenten a ofensiva (...).
O movemento de Alcoi ten por xefes a varios individuos da Comuna de París, que verán bastante
mal parodiadas as escenas que representaron na capital francesa, pois tamén en Alcoi andan as
mulleres xogando o papel de tráxicas. Ata as modistas responderon á folga proclamada pola
Internacional!
El Mercantil Valenciano. 12-7-1873 [cast.]
17. O primeiro trazado ferroviario en Galicia
No século XIX, a inauguración dun tramo de ferrocarril era celebrada con festas populares e
alegría xeral, por ser símbolo do progreso e modernización do país.
O asubío da locomotora deixouse oír polos habitantes de Santiago na mañá do día 15 de agosto de
1873; día de xúbilo para as comarcas de Santiago, Padrón, Vilagarcía e tantos outros pobos da Ría
de Arousa que veñen a constituír un só, enlazados polo potente brazo da vía férrea.
A locomotora abriuse paso por fin ata o corazón de Galicia; penetrou pois no centro deste chan que
é a cidade monumental, a cidade culta, que nos días de máis efervescencia revolucionaria reúnense
20.000 forasteiros, e cal outra Barcelona, celebra a súa festividade nos Campos Elíseos de Santa
Susana e paseo da Ferradura, sen que ningún cidadán se permita o menor desmán. Este pobo é
digno da liberdade porque é un pobo cidadán, un pobo agrícola, un pobo industrial. Por iso despois
de tanta ilustración, de tanta cultura vén a xigante locomotora CARRIL, o novo rexenerador, a
robustecer a este pobo na súa fe nova, que é a bandeira da paz e a súa sombra o vapor realizando
todas as melloras, levará á condición común o alivio das necesidades e o maior benestar.
El Diario de Santiago. 16-8-1873 [cast.]
18. A defensa do proteccionismo
No contexto dunha economía capitalista, o principio da liberdade de mercado foi obxecto de
permanente debate. Cada sector empresarial defendeu os seus propios intereses e pediu o
establecemento de medidas proteccionistas para o seu sector, ao tempo que esixían a
liberalización para os outros.
A carestía de capitais e vías de comunicación, a falta de tranquilidade e seguridade persoal, e o
atraso relativo da nosa produción, non permiten que esta loite no seu propio mercado coas
mercadorías estranxeiras. As minas de carbón a penas se explotan, a maioría dos minerais
expórtanse, o esparto serve para fabricar papel fóra de España, a industria refineira está arruinada,
a olivareira periga, a mariña mercante non progresa (...), a fabricación de sedarías desapareceu de
Andalucía e diminuído en Valencia (...), o cultivo de cánabo e liño é sombra do que foi, a gandería
sofre e unicamente algunhas industrias amparadas polo arancel seguen con puxanza (...). O
Fomento cre que as tarifas aduaneiras poden exercer decisiva influencia para que a paralización se
converta en actividade e renazan e nazan industrias que teñen naturais condiciones de vida na
Península (...). Reduzamos, sen impedila en absoluto, a competencia exterior, e non teñamos medo
de prexudicar os intereses do consumidor, pois como todos somos produtores, a todos nos
alcanzarán os benéficos resultados do traballo.
FOMENTO DA PRODUCCIÓN NACIONAL [organización de empresarios cataláns]. 23-7-1875
[cast.]
19. Produción e exportación mineira española. 1860-1904 (miles de toneladas) (G. Tortella)
A explotación da riqueza mineral española contribuíu escasamente ao desenvolvemento do
país ata o último cuarto do século XIX, momento no que se converteu nun dinámico sector
económico.
PRODUCIÓN Período Carbón Mercurio Ferro min. Chumbo
barras
1860-64
1865-69
1870-74
1875-79
1880-84
1885-89
1890-94
1895-99
1900-04
370,1
489,1
653,4
671,4
1032,0
1000,0
1226,0
2116,5
2637,3
0,8359
1,0766
1,1429
1,3979
1,5927
1,7283
1,5397
1,4585
1,0288
198,4
264,4
595,8
1288,6
4045,4
4625,6
5422,8
7258,4
8155,4
65,5
71,6
96,9
100,8
88,3
117,9
163,5
164,8
173,8
EXPORTACIÓN Período Cobre min. Mercurio Ferro min. Chumbo
barras
1860-64
1865-69
1870-74
1875-79
1880-84
Q885-89
1890-94
1895-99
1900-04
-
-
-
443,1
544,5
762,4
593,8
764,2
1004,6
0,8394
0,3249
1,1888
1,6031
1,1775
1,1942
1,3896
1,9206
1,0623
49,8
72,5
578,2
936,8
3632,6
4543,2
4922,6
6700,7
7452,1
56,1
60,0
76,9
101,3
114,6
112,6
150,1
176,6
164,4
20. A Man Negra
A organización anarquista secreta Man Negra, constituída por campesiños andaluces moi
radicalizados, defendía a destrución do Estado e a transformación da orde social vixente por
medios violentos.
Considerando que todo canto existe e aproveita para o benestar e goce dos homes foi creado pola
fecunda actividade dos traballadores. Que por efecto da absurda e criminal organización da
sociedade presente os traballadores producen todo e os ricos folgazáns quédanse con todo entre as
súas uñas (...).
Por estas razóns, e en vista de que todas as leis están feitas en proveito dos seus privilexios e en
contra dos nosos dereitos. Declaramos aos ricos fóra do dereito de xentes, e declaramos que para
combatelos como se merecen, se é necesario, aceptamos todos os medios que mellor conduzan ao
fin, incluso o ferro, o fogo e aínda a calumnia. (...) É deber dos membros ensinar aos seus fillos, e en
xeral aos traballadores, ter odio aos ricos e a todo o que queira dominarnos, ou queira facerse
superior e queira vivir a costa do traballo dos demais.
Regulamento da sociedade de pobres, contra os seus ladróns e verdugos [Man Negra]. 1882?
[cast.]
21. Versión dun estranxeiro sobre a alta sociedade madrileña
A sociedade da España liberal experimentou importantes modificacións en consonancia coas
transformacións económicas que se estaban a desenvolver. No entanto, a aristocracia seguiu
levando unha vida chea de comodidades.
Antes de ir a Madrid, estude a Guía Oficial. Informarse dos nomes dos 242 Grandes de España, 96
duques, 900 marqueses, 717 condes, 100 vizcondes, 36 baróns, para todas as Españas, claro está;
pero as dúas terceiras partes pasan o inverno en Madrid. A Guía ensinaralle sobre todo que hai dez
días de gala, once de media gala, unha temporada de ópera e salóns permanentes nos que se recibe
catro veces por semana; un encantador paseo de coches no Retiro, corridas de touros, carreiras de
cabalos, os concertos de primavera e os días de moda no Teatro Español e da Comedia. Se con este
repertorio se aburre vostede, é que xa está farto de todos os praceres.
O primeiro que debe facer é abonarse á Ópera, tanto que lle guste a música coma que non; mellor é
que non lle guste, e así compartirá esa indiferenza co gran mundo madrileño. Só o pobo, colocado
no inmenso galiñeiro do alto, escoita na Ópera a música que adora. Xa lle dixen que cada palco é
un salón, onde se visita aos amigos; habitualmente, é alí onde se fan as presentacións e se coñece a
xente por primeira vez. (...)
Fermosas mansións, vellos palacios, pisos suntuosos reciben á vez a aristócratas, altos funcionarios,
xenerais e financeiros, poetas e novelistas. O encantador destas reunións é a nobreza de
sentimentos, a tolerancia deste gran mundo, onde Castelar e Cánovas, Martos e Carvajal, carlistas e
demócratas atúanse, abórdanse e quérense, porque o español non é rancoroso.
Paulo VASILI. A sociedade de Madrid. 1885 [francés]
22. Traballo, pobreza e enfermidade a finais do século XIX
O desenvolvemento da industria e os cambios no réxime de propiedade agraria produciron un
endurecemento das condicións de vida da clase traballadora, tanto nas cidades como no
campo, que se traducía nunha elevada mortalidade, especialmente a infantil.
Labradores. A condición destes obreiros non pode ser peor. Non falo do labrador rico, falo do
pobre colono do meu país; do infeliz labrador galego, mestura de obreiro e propietario, metade
dono e metade escravo, obrigado unhas veces a emigrar, outras a servir para todos os oficios, e non
poucas a pedir esmola e sempre vítima da carga foral que o oprime.
Canto traballa un labrador en España? Con contestar que toda a súa vida, creo que non é esaxerar
nada respecto de Galicia (...). O porvir da clase máis numerosa de españois preséntase triste e
desconsolador. O xornaleiro do campo en Andalucía, Estremadura e A Mancha, e o labrador que en
Galicia e Asturias cultiva unha terra que a medias lle pertence, son xente de poucas necesidades,
decidida e traballadora. Durante o día traballa penosamente, ao menos en Galicia, de dez a doce
horas, e aínda se coida de que os seus fillos saiban ler, das prácticas da súa relixión, de servir á
patria e, sobre todo, de pagar ao dono do dominio directo o foro que lle pertence.
VILLEGAS [representante da Sociedade de Canteiros]. Informe á Comisión de Reformas Sociais.
1884 [cast.]
A mortalidade das masas obreiras é superior á das demais clases sociais. Para convencerse disto
basta comparar o número de defuncións por cada mil habitantes que ocorren nos diferentes distritos
de Madrid onde predominan as xentes pobres (Latina, Inclusa...), coas cifras análogas obtidas nos
barrios poboados por persoas ricas ou clase media (Centro, Buenavista...). Nalgunhas rúas
habitadas case completamente por xornaleiros e desvalidos (Amparo, Chopa...), a cifra relativa de
mortalidade está representada case polo dobre da cifra media de Madrid. (...) Inflúen en tan malos
resultados dous xéneros de causas: 1ª. A mala alimentación, vestidos, habitación, etc. 2ª. A ausencia
completa nos talleres das precaucións sanitarias. (...)
Efectos en conxunto: que o obreiro toma menos cantidade de materia alimenticia da que necesita, e
que esta cantidade non ten para a nutrición o valor que aparenta. Consecuencias finais: o
esgotamento gradual de forzas, a predisposición a enfermar, o exceso de mortalidade que vimos
indicando.
Henrique SERRANO FATIGATI. Informe á Comisión de Reformas Sociais. 1884 [cast.]
As cigarreiras, que tanto e tanto traballan e sofren, que tan xenerosas se mostraron sempre con
todos os necesitados, que tanto e tanto merecen da sociedade, do Estado ou da Arrendataria, viven
peor que os obreiros das minas, morren tantas como os operarios e as operarias das industrias máis
nocivas; cobran menos que os últimos proletarios de todos os países, mandan ao cemiterio máis do
40% dos seus desgraciados fillos; son especuladas vilanamente por toda clase de industriais, e
serven de base para que os accionistas da Arrendataria se repartan famosos dividendos
correspondentes ás accións que valen o 300%
Xosé RODRÍGUEZ MARTÍNEZ. As reformas da fábrica de tabacos I, La Voz de Galicia. 20-6-
1899 [cast.]
23. Mendigos nas cidades
Un problema permanente nas cidades foi a presenza de mendigos, que podían aumentar
considerablemente como consecuencia do efecto de malas colleitas continuadas; as
autoridades tentaron limitar a súa presenza.
Art.1. Todo mendigo que non sexa natural desta cidade, ou non tivese cinco años de residencia fixa
nela, sairá da mesma no preciso prazo de oito días contados desde a publicación deste Bando. Os
mozos sen pais coñecidos, que andan vagando, serán recollidos polo Concello, que coidará de
darlles aplicación.
Art.2. Os pobres que teñan a circunstancia de natureza ou residencia que expresa o artigo anterior,
presentarán solicitude na secretaría do Concello, para que se lles conceda o permiso de pedir nesta
cidade, acompañando certificación en papel simple do cura párroco que o xustifique. Aos que se lles
conceda esta licenza inscribiráselles nun rexistro por orde numérica, e entregaráselles no acto
unha chapa de metal co número que lles corresponda e as iniciais P. de S. [Pobre de Solemnidade],
que colocarán no brazo dereito, e sen este requisito non poderán pedir. Esta medida terá lugar ata
que se estableza o hospicio.
Francisco ORTEGA [Alcalde da Coruña]. Regulamento da Policía Urbana. 30-1-1837 [cast.]
FAGO SABER: (...)
1. As licencias serán outorgadas só aos pobres e impedidos veciños desta Corte e domiciliados nela
por espazo de cinco anos, circunstancia que deberán xustificar debidamente.
2. Non se permitirá en maneira algunha que os expresados pobres e impedidos, aínda que se
encontren provistos de licenza, exhiban na vía pública deformidades físicas ou enfermidades
repugnantes. Tampouco será consentida a estancia ou permanencia destes nas portas dos templos.
Os que non cumpran estas dúas disposicións serán privados da licenza e conducidos aos asilos de
mendicidade.
3. Os que estean autorizados para percibir os socorros ou esmolas que as persoas caritativas
queiran entregarlles, levarán un distintivo, facilitado por esta Alcaldía (...) que consistirá nunha
placa ou medalla metálica numerada.
MARQUÉS DE BOYARAGA [Alcalde de Madrid]. Bando. 8-2-1884 [cast.]
24. As propostas socialistas
O socialismo marxista estendeuse en España a partir de 1872. Un dos seus obxectivos era
conquistar o poder por parte do proletariado, pacifica ou violentamente a través da
revolución, para establecer unha sociedade comunista.
A decapitación da burguesía, a fin da explotación do home polo home, será obtida polo Partido
Socialista Obreiro no momento que, axudado dun de tantos conflitos como o réxime capitalista
provoca, as súas forzas sexan bastantes para arroxar do poder á clase dominante. Dono o
proletariado do poder político, valerase del, non para tiranizar a unha parte da familia obreira,
como equivocadamente (...) sosteñen certos elementos revolucionarios, senón para arrancar á
burguesía todos os seus privilexios e monopolios e reducir aos seus individuos á categoría de
simples produtores.
Conseguido isto, é dicir, devoltos á sociedade todos os bens e riquezas que á sociedade pertencen e
deben ser patrimonio común; organizada a produción de modo que todo rastro explotador teña
desaparecido, a abolición de clases será un feito e o poder político, carecendo entón de razón de
ser, desaparecerá por si mesmo, substituíndo ao goberno dos homes a administración das cousas.
Manifesto dos delegados do primeiro congreso do Partido Socialista Obreiro Español.
Barcelona, 25-8-1888 [cast.]
25. Medios para conseguir a revolución segundo os socialistas
A tendencia socialista en España articulouse a través destes elementos básicos: o PSOE, un
dos primeiros partidos desta ideoloxía en Europa; a UXT, un sindicato; El Socialista, o seu
órgano de prensa; e Paulo Iglesias Posse, alma indiscutible do socialismo español.
A revolución social, ou sexa o acto de forza que permita á clase obreira consciente conquistar os
elementos necesarios para verificar a transformación da propiedade de modo que as clases sociais
queden abolidas (...), é o que constitúe o principal desexo dos que ansían ver reinar a paz e a
harmonía entre todos os seres humanos.
Mais, así como a burguesía non pode impedir que esa revolución estoupe, (...) tampouco os
partidarios dela poden facer que se realice cando lles pareza. Os acontecementos, superiores á
vontade do home, son os que deben producila. O máis que pode facer a burguesía, observando unha
hábil conduta, é retardala. O máis que poden conseguir os proletarios militantes, procedendo con
tino e con ardor, é acelerala.
Pero non se traballa pola revolución social, non se vai a ela falando frecuentemente de matanza e de
exterminio (...). Vaise á revolución social, trabállase eficazmente para chegar pronto a ela, dando a
coñecer aos traballadores as causas da súa inferioridade social (...); organizándoos en todas partes,
para que poidan loitar contra os seus patróns cando estes traten de empeorar a súa situación ou se
opoñan ás melloras que reclamen; organizándoos igualmente para que pelexen no terreo político
con todos os partidos que representan á clase patronal; nunha palabra, dándolles a conciencia e o
vigor necesarios, a fin de que, cando chegue o momento oportuno, teñan empuxe bastante para
vencer á burguesía e capacidade suficiente para crear a nova orde social que debe substituír ao
réxime capitalista.
Paulo IGLESIAS POSSE. Como se vai á revolución, El Socialista. 25-11-1892 [cast.]
26. Explotación e beneficio capitalista
O desenvolvemento da industrialización, así como as transformacións no réxime de
propiedade e de explotación agraria, produciron un endurecemento das condicións de vida da
clase traballadora. Nas cidades, os obreiros tiveron que someterse ao ritmo das máquinas e
soportar longas xornadas de traballo e baixos salarios; nos campos, os campesiños pobres e
xornaleiros quedaron sen medios propios para poder manterse.
Como se crea una industria. O primeiro, necesítase un capital en diñeiro, máis ou menos grande,
segundo a importancia da explotación. Despois necesítanse as máquinas e o local axeitado (...). E,
por último, búscase no mercado de traballo, tan abundante, por desgraza, os brazos necesarios para
facer funcionar la fábrica. Convén que os brazos sexan débiles, para pagar menos por eles. Reunido
todo isto (...) dítase o seguinte "Regulamento polo que se rexen os operarios desta fábrica: (...) As
horas de traballo serán de 7 a 12 da mañá e de 1 a 6 da tarde. (...) O obreiro que se atrase en vir
cinco minutos máis tarde da hora marcada, se lle imporá, por primeira vez, unha multa de 20
céntimos (...); a segunda, dun cuarto de día, e a terceira será despedido".
El socialista. 22-9-1899 [cast.]
27. Unha definición de anarquismo
Segundo o anarquismo, a nova sociedade debía basearse na igualdade económica dos
individuos, na propiedade colectiva dos medios de produción, e na libre federación de
comunas autónomas ou pequenas células gobernadas en réxime de autoxestión.
O anarquismo, practicamente, non é máis que isto: arranxo de todos os asuntos por medio de pactos
libres. Nada de deliberacións e decretos da multitude. Nada de abdicacións nin de representantes
privilexiados, investidos de facultades lexislativas. Que o pobo proceda por si mesmo á organización
da vida social. Que cada un poña mans á obra, xuntándose con aqueles que persigan idénticos fins.
Que as asociacións libremente formadas, libremente se concerten para a empresa común. A
organización futura, a organización anarquista, non será un produto forzado dun plan preconcibido,
senón unha resultante dos acordos parciais dos individuos e dos grupos, segundo as circunstancias
e a capacidade do pobo no momento (...).
Unha vez posta a riqueza a disposición de todo o mundo para producir, para cambiar e para
consumir, a necesidade dun concerto xeral imponse por lei de natureza. Os produtores agruparanse
en sociedades diversas, dedicadas unhas á produción dos alimentos, á dos vestidos outras, á das
vivendas outras. Os grupos, á súa vez, relacionaranse entre si formando asociacións (...) segundo as
súas necesidades e os seus comúns intereses; e así, por esta organización seriada das partes,
formarase unha gran federación de sociedades autónomas que (...) agrupará a todos os homes baixo
a bandeira dunha felicidade real e positiva.
Ricardo MELLA. Lombroso e os anarquistas. 1899 [cast.]
28. A xerarquía eclesiástica contra o socialismo
Na segunda metade do século XIX estendéronse as novas ideoloxías que tiveron unha fonda
repercusión entre as clases proletarias españolas: o anarquismo e o socialismo marxista, moi
críticas cos poderes establecidos e que foron duramente atacadas polos poderes tradicionais,
como a Igrexa.
10. Prohibimos a todos os nosos diocesanos inscribirse en calquera asociación ou círculo de
agricultores, artesáns ou obreiros en cuxos estatutos non se consigne á Relixión Católica e á
Autoridade pública.
20. Prohibimos así mesmo asistir ás reunións de círculos ou asociacións en que, xa con embozo, xa con
claridade, se sosteñan os erros do socialismo contra a propiedade e contra a orde pública.
30. Prohibimos a lectura de periódicos, revistas ou follas soltas en que se defendan e propalen os erros
do socialismo.
40. Recomendamos a formación de asociacións e círculos francamente católicos, consignando nos
estatutos dos mesmos o descanso dominical e a asistencia á Santa Misa nos días de festa, a prohibición
da blasfemia e a práctica da caridade cos asociados, particularmente ao fin da vida, para que reciban
a tempo os Santos Sacramentos.
50. Exhortamos a todos os bos católicos, e en especial ao venerable clero, a que promovan e protexan
ditos círculos e asociacións, procurando que en todas as reunións haxa algunha práctica de relixión
que acredite o carácter propio de ditos círculos e asociacións.
60. Exhortamos a todos os nosos diocesanos a que dirixan a Deus ferventes pregarias para que xamais
arraigue na nosa Archidiócese a planta velenosa do socialismo, e que os seus propagadores non logren
ensinar aos incautos coas vanas promesas dunha felicidade ilusoria.
ARCEBISPO DE SANTIAGO. Carta pastoral. 6-1-1898 [cast.]
29. Os terratenentes andaluces
En Andalucía, o predominio das grandes propiedades en mans da oligarquía agraria que non
capitalizaba nin modernizaba o campo orixinaba unha situación de permanente necesidade no
elevado número de xornaleiros sen terras. Estas masas de proletarios agrícolas ameazados
constantemente co paro e a fame explica as numerosas revoltas que axitaron o campo andaluz
no século XIX e nas décadas iniciais do XX.
Nos cortixos víanse máquinas agrícolas dos modelos máis recentes e os periódicos, pagados polos
ricos, desfacíanse en eloxios das grandes iniciativas dos seus protectores en pro do desenvolvemento
agrícola. Mentira, todo mentira. A terra cultívase peor que en tempos dos mouros. Os abonos non se
coñecían: falábase deles desprezo, como invencións modernas contrarias ás boas tradicións. O
cultivo intensivo doutros pobos era considerado como un soño. Arábase ao estilo bíblico; deixábase
que a terra producira ao seu capricho, compensando o débil da colleita coa gran extensión das
propiedades e o irrisorio do xornal.
Unicamente se aceptaran os adiantos do progreso mecánico como un arma de combate contra o
inimigo, contra o traballador. Nos cortixos non existía outro utensilio moderno que as trilladoras.
Eran a artillería pesada da gran propiedade. A trilla polo sistema antigo, coas eguas rodando a
eira, duraba meses enteiros, e os gañáns escollían esta época para pedir algunha mellora,
ameazando coa folga, que deixaba as colleitas á intemperie. A trilladora, que realizaba en dúas
semanas o traballo de dous meses, daba ao amo a seguridade da recolección. Ademais, aforraba
brazos e equivalía a unha vinganza contra a xente rebelde e descontenta, que acosaba ás persoas
decentes coas súas imposicións.
Vicente BLASCO IBÁÑEZ. A adega. 1905 [cast.]
30. O papel do monte na economía galega
En Galicia, a pesar da defensa que se fixo da privatización, existiron fortes dificultades para que
se puxese en práctica a política liberal; o papel que tradicionalmente desempeñou o monte na
economía campesiña e a resistencia dos veciños a que se desamortizaran os montes, xunto coa
permanencia dos foros, actuaron de freo ás reforma liberais.
Os montes públicos de Galicia son un poderosísimo auxiliar da súa agricultura. Para que as terras
dedicadas ao cultivo recobren as forzas produtoras que este require, é indispensable que pola acción
combinada da natureza e do traballo do home obteñan novamente os elementos cedidos a esa
variedade de produtos das plantas en que cifra a humanidade a súa existencia (...). Os montes públicos,
case exclusivamente, foron ata agora os encargados de satisfacerlle gratuitamente esta importante
necesidade. O toxo, o breixo, os fieitos e as xaras, que constitúen as especies dominantes na maioría de
aqueles, son o elemento indispensable para os abonos do país. (...)
Se así contribúe o monte a dar vida á agricultura, non é menor o papel que desempeña no fomento da
riqueza pecuaria, base principal do seu comercio de exportación. (...)
Se os montes públicos de Galicia se encontran, pois, intimamente ligados coa súa agricultura e
gandería (...) xusto é (...) que non se proceda de lixeiro sen pensar previamente as vantaxes e os
inconvenientes a que puidera conducirnos unha desamortización absoluta ou unha extremada
conservación dos bens comunais.
Antonio FENECH ARTELLS. Os montes públicos de Galicia. 1884 [cast.]
31. A loita pola redención dos foros en Galicia
Na primeira década do século XX o campesiñado galego mobilizouse en torno á loita contra
o caciquismo e á supresión dos foros mediante a súa redención, ademais doutras
reivindicacións de carácter económico e social.
A redención de foros é unha obra puramente social que realizaron xa todos os países menos España,
onde, por múltiples razóns que non veñen ao caso, asoma aínda a escravitude territorial dos tempos
vellos.
Hai moitos séculos que o labrador galego clama inutilmente contra os foros. Por eles non hai
industria agrícola en Galicia; por eles estamos sometidos a unha múltiple división da propiedade,
incompatible con todo progreso; por eles desenvólvense diariamente nos Tribunais preitos e máis
preitos, que son a nosa ruína.
Pois ben; xa que nas catro provincias galegas se levantan voces de protesta contra os foros,
unámonos todos, sumemos o esforzo de todos e fagamos saber aos de arriba cal é o noso desexo.
Dise que hai homes públicos interesados en axudarnos e resolver este problema social galego.
Vamos poñer a proba eses homes para saber se responden á confianza que Galicia depositou neles
ao outorgarlles a súa representación.
Acudide ao mitin, prestade calor a esta nobre campaña, para que chegue pronto o día en que cese a
escravitude destas terras onde nós consumimos o esforzo do noso brazo e o aforro do noso traballo.
SOCIEDADE DE AGRICULTORES DE LÉREZ. Convocatoria de mitin [no Teatro Principal de
Pontevedra]. 15-2-1908 [cast.]
32. Galegos en América
O elevado número de galegos e galegas que emigraron a América ao longo do século XIX e
décadas iniciais do XX é a razón da denominación xenérica de galegos ao conxunto dos
emigrantes latinos europeos instalados nas repúblicas americanas.
Na miña visión da infancia, o Galego -así, con maiúscula- era unha especie de ser mitolóxico. (...) O
galego era un home chegado de lonxe; o habitante da outra ribeira (...). Non acababa de falar ben o
noso idioma, e cando comezaba a facerse entender, mencionaba lugares remotos que se chamaban
Betanzos, Chantada, Santa María de Ortigueira... Os labregos ían ao campo; os homes de faena e
pequenos artesáns quedaban na cidade.
E comezaba para o galego o duro camiño da aclimatación. Nado en terras de duros invernos, o
sangue se lle revolvía no Trópico. (...) Botaba de menos os seus viños ácidos, as parroquias, as
romarías, a gaita e o pandeiro. Humedecíanselle os ollos cando escoitaba a “Alborada de Veiga”
ou a canción “Unha noite na eira do trigo”... Pero aquel celta íase adaptando moi rapidamente.
Inscrito como socio do Moi Ilustre Centro Galego, que lle ofrecía asistencia médica, distraccións e
bailes, a cambio dunha módica cota, chegaba o día solemne da estrea do seu primeiro traxe branco.
Aquilo equivalía a unha cerimonia de integración na colectividade cubana. (...) Armado cabaleiro
pola posesión do seu traxe de feitura crioula, esbozaba torpemente os pasos dun danzón no primeiro
baile ofrecido polos da “súa comarca”, nos xardíns de “La Tropical”. Esquecido o lacón con
grelos, pouco dado xa á morriña, trata de se adaptar en todo aos usos crioulos. E un día, aquel celta
transfigurado aparecía nalgunha localidade do Teatro Alhambra para rirse cos entremeses e
diálogos bufos, nos que os galegos sempre eran postos en solfa -sempre burlados pola mulata
aloumiñeira ou polo negriño astuto-. Un galego rindo doutro galego! O seu proceso de integración
era perfecto. (...)
Moito debe Cuba a ese Galego traballador, inxenuo e bo que, nun momento da súa historia
republicana, aportoulle unha corrente migratoria particularmente laboriosa, robusta,
desprexudicada. Moito debe, toda América, á inmigración.
Alexo CARPENTIER. O Camiño de Santiago. 1957 [cast.]
33. Emigración e fracaso
A emigración foi un fenómeno europeo do século XIX. Foron moitos os españois e os galegos
que marcharon cara América; uns lograron facer as Américas, conseguindo importantes
fortunas; outros lograron pouco máis que sobrevivir, e algúns regresaron aínda máis pobres que
cando marcharon.
O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño
sabía cos ollos pechados como era seu pai, pero denantes de saír da súa casa botoulle unha ollada ao
retrato.
Os americanos xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirao do porto. O
corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas, na procura do pai
ensoñado.
De súpeto, avistou de lonxe. Era o mesmo do retrato, ou aínda mellor portado, e Migueliño sentiu por
el un grande amor e canto máis se achegaba ao americano, máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de
bicos. Ai, o americano pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo.
Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home moi ben traxado e o corazón dáballe que
era aquel seu pai. O rapaz devecíase por bicalo a fartar. Tiña un porte de tanto señorío! Ai, o
americano pasou de largo e nin tan sequera reparou que o seguían os ollos angurentos dun neno.
Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo tolamente. E cando esculcaba con
máis angustia fíxose cargo de que un home estaba abrazando a súa nai. Era un home que non se
parecía ao retrato; era un home moi fraco, metido nun traxe moi frouxo; un home de cera, coas orellas
fóra do chacho, cos ollos encoveirados, tusindo... Aquel si que era o pai de Migueliño.
Afonso RODRÍGUEZ CASTELAO. Cousas. 1934.
34. Os movementos migratorios
A emigración a ultramar foi un fenómeno europeo do século XIX. Os españois, e os galegos
en particular, encontraron nas repúblicas latinoamericanas a posibilidade que soñaban de
mellorar a súa situación (facer as Américas). No século XX o seu destino será Europa.
35. Dereito á folga e xornada máxima a comezos do século XX
A pesar das dificultades, o movemento obreiro español foi conseguindo que o Estado liberal
elaborase leis de carácter laboral que regulasen o traballo, os salarios, a xornada de oito horas
e algúns dereitos como o dereito á folga.
Art.1. Tanto os patróns como os obreiros poden colexiarse, declararse en folga e acordar o paro
para os efectos dos seus respectivos intereses (...).
Art.2. Os que para formar, manter ou impedir as coalicións patronais ou obreiras, as folgas de
obreiros, ou os paros de patróns empregaren violencia ou ameazas, (...) serán castigados coa pena
de arresto maior ou multa de cinco a cento vinte e cinco pesetas.
Art.3. Os que turbaren a orde público ou formaren grupos co propósito recoñecido de impoñer
violentamente a alguén a folga ou o paro, ou de obrigarlles a desistir deles, incorrerán na pena de
arresto maior. Aos xefes ou promotores aplicaráselle esta pena no seu grao máximo, sempre que
tomasen parte nos actos delituosos.
Lei [relativa a folgas e coalicións]. 27-4-1909 [cast.]
Art.1. A xornada máxima legal será de oito horas ao día ou corenta e oito semanais en todos os
traballos a partir do día primeiro de outubro de 1919.
Real Decreto. 3-4-1919 [cast.
36. O poder político e os obreiros segundo os socialistas
A defensa da tese socialista da participación no xogo político levou ao Partido Socialista a
unha conxunción electoral con partidos republicanos de esquerda que permitiu a elección
como deputado a Paulo Iglesias en 1910.
É certo que aspiramos a levar representantes das nosas ideas ao Municipio, á Deputación, ao
Parlamento; pero xamais cremos nin cremos que desde alí poida destruírse a orde burguesa nin
establecerse a orde social que nós defendemos. (...) Se nós queremos que vaian a aqueles sitios
deputados ou concelleiros socialistas é porque alí, (...) ademais de poder arrancar algunha vantaxe
para os traballadores, farán que se manifeste o antagonismo de clase; (...) que os distintos partidos
da burguesía, monárquicos e republicanos, porén as súas diferenzas políticas, móstrense unidos en
contra das reclamacións obreiras (...). Queremos enviar representantes socialistas ao Parlamento,
ás Deputacións e ao Municipio para que usen esas tribunas e axiten desde elas, converténdoas en
foco de propaganda da nosa doutrina, á inmensa masa desherdada; co cal, se non conseguimos que
o Parlamento burgués, obrando contra os seus intereses, acepte as nosas ideas, lograremos que a
clase traballadora adquira conciencia dos seus intereses. (...)
O poder político é, pois, como establece o noso programa, a poderosa panca coa que se debe
destruír os obstáculos que se opoñen á transformación da propiedade no sentido que reclama o
Partido Socialista Obreiro.
Pablo IGLESIAS POSSE. O Partido Socialista. Comentarios. 1910 [cast.]
37. A forza do número para a liberación: o agrarismo galego
A máis significativa asociación agrarista foi Acción Galega, fundada en 1910, e o seu líder
mías destacado foi Basilio Álvarez, un crego ourensán que logrou mobilizar e dar fe e
esperanza ao campesiñado galego, que lle seguiu maioritariamente.
[Os labregos galegos] advertiron un día que o solo que fecundaban coa suor da súa fronte íaselle
das mans, porque o señor cos seus foros e o prestamista coa usura e o cacique cos tributos e mil
feras máis coas súas rapinas, eran uns homes de insaciables tragadeiras e de tan pouco pudor que
non sabían outra cousa que reducir a vida a este único problema: a emigración. Pero ese día feliz,
venturoso, déronse conta tamén de que o seu número era enorme e que na unión habían de
encontrar a forza. E asociáronse.
E aquel día, en medio do campo galego, escoitouse un canto de redención basto e rudo como un
alarido celta, que fixo tremer a terra e sacudir as almas de todos os explotados, fundidas nunha soa
e tremenda aspiración: Liberémonos!
Basilio ÁLVAREZ. Manifesto de Acción Galega. 1912 [cast.]
38. A gripe de 1918 na Coruña
A última das graves epidemias que afectaron á poboación española foi a de gripe do ano
1918, que provocou un importante descenso demográfico.
ALGÚNS DATOS DO MES DE OUTUBRO
A mortalidade no pasado mes alcanzou nesta poboación un aumento extraordinario. O total das
defuncións rexistradas chega a 596, ou sexa, unha cifra cinco veces maior que a mortalidade media
mensual. (...)
A gripe, nas súas distintas manifestacións, a que non ofreceu dúbida algunha no seu diagnóstico,
ocasionou 333 vítimas, 145 homes e 188 mulleres.
A tuberculose, a meninxite e algunhas enfermidades do aparato respiratorio, sufriron importante
aumento, sen dúbida por ser derivacións da epidemia.
Clasificando por grupos de idade aos falecidos por gripe, obtéñense os seguintes resultados:
Homes Mulleres
Ata 9 anos 32 40
De 10 a 19 19 35
De 20 a 49 81 95
De 50 en adiante 12 18
Non consta a idade 1
TOTAL 145 188
Resulta, pois, que a maior mortalidade corresponde ás mulleres e que os grupos máis castigados
foron os de 10 a 19 anos e de 20 a 49.
O total xeneral de defuncións, distribuído por distritos, acusa as cifras seguintes:
Primeiro distrito 67
Segundo " 60
Terceiro " 101
Cuarto " 73
Quinto " 69
Sexto " 64
Sétimo " 82
Oitavo " 80
TOTAL 596
Vese que toda a poboación sufriu igualmente os rigores da epidemia, sendo o terceiro distrito (As
Atochas, Campo de Marte) o máis castigado, e seguíndolle en intensidade os distritos sétimo e
oitavo (Oza) e o cuarto (Socorro, Orzán, Hospital). O mellor librado foi o segundo (Real,
Panaderas, San Andrés), aínda que dentro da crecida mortalidade xeral.
La Voz de Galicia. 20-11-1918 [cast.]
39. O nacemento dun novo partido, o comunista
A Terceira Internacional provocou un intenso debate entre os socialistas españois. Un sector
optou por seguir o modelo soviético e, como consecuencia, naceu o Partido Comunista de
España.
1ª Recoñecemento da Terceira Internacional (a Internacional comunista) como único foco de
organización internacional revolucionaría e ingreso inmediato en dita organización (...).
4ª Encamiñar toda a axitación e propaganda cara a revolución social, nunca para obter reformas
mínimas (...).
5ª Admisión da loita política unicamente como medio de propaganda e axitación revolucionarias.
Presentación de candidatos nas eleccións e prohibición terminante a estes de colaborar, facer labor
fiscalizadora ou aceptar cargos representativos dentro do réxime burgués.
6ª Declarar reformista ao partido socialista español. Ningún membro do partido comunista poderá
pertencer ao chamado socialista (...).
8ª Recoñecemento da ditadura do proletariado como único medio de organizar a sociedade comunista
(...).
A Federación de Xuventudes Socialistas de España rompe co pasado e decide converterse en partido
comunista español. Xa é hora. A Terceira Internacional agárdanos. Con ela estaremos sempre pola
vitoria do proletariado, pola ditadura obreira, polo réxime de consellos obreiros, pola sociedade
comunista!
Obreiros, campesiños, socialistas, sindicalistas, vide as nosas filas. Viva a revolución rusa! Viva a
Terceira Internacional! Viva o partido comunista español!
COMITÉ NACIONAL DA FEDERACIÓN DE XUVENTUDES SOCIALISTAS DE ESPAÑA.
Manifesto. 15-4-1920 [cast.]
Os abaixo asinantes, reunidos en Madrid durante os días 7 ao 14 de novembro de 1921, en
representación e con plenos poderes do Comité executivo da Internacional comunista e dos Partidos
Comunistas Español e Comunista Obreiro (...), acordaron constituír un só partido que se rexerá
polos principios e as disposicións seguintes:
DECLARACIÓN DE PRINCIPIOS
Os representantes dos dous partidos declaran ante todo, que os principios teóricos e a acción
práctica do novo Partido unificado non poderán ser outros que os que a Terceira Internacional
adoptou en congresos e que a separan netamente tanto do reformismo como do anarquismo. (...)
DISPOSICIÓNS
a) O partido unificado terá a denominación de Partido Comunista de España (sección española da
Internacional comunista).
PARTIDO COMUNISTA DE ESPAÑA. Estatutos. 14-12-1921 [cast.]
40. Produción industrial e obras públicas na ditadura de Primo de Rivera
Na ditadura de Primo de Rivera produciuse un incremento dos índices económicos grazas a
unha política baseada no forte proteccionismo e no desenvolvemento das obras públicas, pero
tamén no endebedamento e nas precarias condicións laborais.
Produción 1922 1930
Mineira e industrial (base 1906-1913 = 100) 84,7 144
Carbón (base 1906-1913 = 100) 86,7 137
Enerxía eléctrica ( millóns Kw) 1.040 2.609
Aceiro (Tm) 326.136 953.673
Cemento (Tm) 729.035 1.820.011
Obras
Estradas (Km)
Estatais e provinciais 61.131 66.940
Veciñais 6.832 10.478
Ferrocarrís (Km)
Ancho normal 11.585 12.116
Vía estreita 4.326 4.573
Regadíos (Conca do Ebro, hectáreas regadas ao final do período)
Melloras 109.136
Novos 72.163
Top Related