Historias de amor e amizade de cada continente

8

description

Historias de amor e amizade de cada continente. Hora de ler biblioteca CEIP ADR Castelao Rianxo. PDI Lendo lendo lendo o mundo percorrendo

Transcript of Historias de amor e amizade de cada continente

Page 1: Historias de amor e amizade de cada continente
Page 2: Historias de amor e amizade de cada continente

Asia: lenda china “O pastor e a tecedora”

Segundo a lenda, na antigüidade viviu un pastor de vacas, laborioso e bondadoso, que pasaba os seus días dunha forma moi modesta. Un día, coa axuda dunha vaca vella, coñeceu a unha tecedora, que era realmente unha deusa que pensaba deixar a vida no ceo para vivir na terra. A tecedora quería moito ao pastor e a parella terminou por contraer matrimonio. Tempo despois tiveron fillos, un neno e unha nena. A familia non coñecía outra cousa máis que a felicidade.

O amor desta familia espertou moita envexa nos habitantes do ceo. A deusa Wang Mu ordenou que a tecedora volvera ao palacio celestial e esta última non tivo máis remedio que obedecer, aínda que os seus sentimentos eran os contrarios. O pastor, que non quería perder á súa amada, seguiuna polo camiño. Wang Mu, vendo que ía ser imposible separalos, recorreu á maxia e abriu un ancho río entre eles.

Desde entón, o pastor e a tecedora solo poden verse a ambos extremos dese río, que é Vía Láctea, aínda que os seus corazóns estarán sempre xuntos.

Pero cada sétimo día do sétimo mes do calendario lunar chino, miles e miles de pegas veñen de todas partes para tender unha ponte e permitir que a familia do pastor e a tecedora se reúnan. Esta data converteuse nun día de celebración e intercambio de regalos para as parellas de namorados da China.

Conta a lenda que si neste día te sentas debaixo das uvas dunha viña e escoitas con moita atención, podes oír as palabras de cariño que se din todos os membros da familia do pastor sobre a ponte de pegas.

Page 3: Historias de amor e amizade de cada continente

América: lenda brasileira “Vitoria Rexia”

É característica de Brasil unha fermosa flor que nace dentro da auga. A raíz está na terra, pero as follas e as flores saen á superficie dos lagos. Esta fermosa planta chámase Vitoria Rexia.

Conta a lenda que Vitoria Rexia era unha princesa indíxena que estaba namorada dun guerreiro, pero os seus pais non querían que se casara con el porque xa tiñan escollido ao seu futuro esposo. Os dous pretendentes loitaron por conseguir a man da princesa.

Despois dunha forte pelexa, o home escollido polos reis matou ao guerreiro que Vitoria amaba e reclamou o seu dereito a casarse con ela. Por suposto, a princesa negouse a casarse con el, pois non o amaba.

Vitoria, entristecida, todas as notes se quedaba mirando a Lúa durante moito tempo e pedíalle que lle devolvese ao seu amor, pois cría que, ao morrer, a súa alma viaxara ata a Lúa e, desde alí, miraba a Terra todas as noites.

Unha noite, a princesa non podía durmir pola gran pena que sentía e saíu a camiñar, sen levantar a vista do chan. Camiñou e camiñou ata que chegou a un lago. A noite era clara e a Lúa reflectíase na cristalina auga do lago. Vitoria Rexia pensou que a Lúa estaba no lago e que nela estaba o seu amado. Así que, sen pensalo dúas veces, saltou á auga para atoparse co seu amado, e alí quedou para sempre.

Desde esa noite, nos lagos de Brasil nace un fermoso nenúfar chamado Vitoria Rexia.

Page 4: Historias de amor e amizade de cada continente

África: conto popular “Ubuntu”

Ubuntu é unha palabra africana que fai referencia á importancia da cooperación, de traballar polo ben común. É unha palabra, pero, á vez, tamén é unha regra ética.

Cóntase que había un antropólogo que estudaba os hábitos e costumes dunha tribo africana. Os nenos da tribo sempre estaban arredor del, así que un día pensou en facer con eles un pequeno xogo.

O antropólogo foi á cidade e mercou unha gran variedade de caramelos e doces. Cando regresou ao poboado, meteunos todos nunha cesta e colocouna debaixo dunha árbore. Despois, chamou aos nenos e explicoulles as regras do xogo: cando el dera o sinal, todos debían botarse a correr ata a cesta e o primeiro en chegar ata ela sería o gañador. Como premio todos os caramelos serían para el e podería comelos el só.

Os nenos colocáronse en fila, esperando o sinal acordado e, cando o antropólogo deu a saída, todos os nenos se colleron da man uns a outros e empezaron a correr xuntos cara a cesta. Chegaron todos á vez e, sen pararse a pensalo, comezaron a repartirse os caramelos. Despois, sentáronse no chan e felices empezaron a comelos.

O antropólogo, moi estrañado, foi ata eles e preguntoulles por que ningún intentara gañar e conseguir todos os caramelos. Entón, os nenos gritaron todos a unha: “UBUNTU!!!”. O neno máis pequeno de todos díxolle:

- Como un de nós podería ser feliz se todos os demais estiveran tristes?

O antropólogo comprendeu que ter moitas cousas non dá a felicidade, o mellor é compartir.

Page 5: Historias de amor e amizade de cada continente

Asia: historia da India “O Taj Mahal” Sha Jahan era o fillo dun emperador da India. Conta a historia que un

día, paseando polo bazar, coñeceu a unha moza que vendía cristais chamada Arjumand. Admirado pola súa beleza, achegouse a ela e comezaron a falar. Os dous namoráronse o un do outro.

O emperador non quería que estiveran xuntos, pero, tras cinco largos anos, ao final conseguiron casarse e ela pasou a ser coñecida como Mumtaz Mahal, que significa “a escollida do palacio”. Durante anos foron moi felices e tiveron moitos fillos.

Trala morte do emperador, Jahan ocupou o trono. A parella seguiu vivindo feliz ata que, dous anos despois, a traxedia chegou ao palacio: Mumtaz Mahal morreu ao dar a luz a un dos seus fillos.

Jahan caeu nunha gran tristeza e decidiu construír un gran mausoleo na súa memoria. Contratou a 20.000 obreiros que traballaron durante 22 anos para construír un edificio tan fermoso como non había outro no mundo. Púxolle o nome de Taj Mahal, en honor á súa amada.

Ao pouco tempo de rematar a obra, Jahan enfermou e un dos seus fillos proclamouse emperador a si mesmo e encarcerou ao seu pai. Dende a ventá da súa cela, Jahan podía ver o Taj Mahal.

Conta a lenda que alí pasou o resto dos seus días, mirándoo e recordando á súa amada.

Page 6: Historias de amor e amizade de cada continente

Oceanía: lenda australiana “ Gnowee, a deusa do Sol”

Cando no noso planeta reinaba o frío e a escuridade, chegou á Terra Gnowee. Con ela veu o seu pequeno fillo, ademais de moitos familiares e amigos. Tamén trouxo o lume.

A vida na Terra era moi difícil con tanto frío e escuridade, por iso moitos deles enfermaron e entre todos debían traballar moito para buscar alimentos á luz dos fachos.

Un día, mentres Gnowee recollía froitos dos campos, o seu fillo saíu da cova onde vivían e perdeuse na escuridade.

Ao sabelo, a súa nai acendeu un facho enorme e saíu a buscalo. Recorreu toda a Terra pero non o atopaba. Quería ver en todas partes, pero había escuridade, así que elevouse polo aire e a luz por fin puido alumear a Terra, pero nin así conseguiu atopar ao seu fillo.

Por isto, cada mañá Gnowee sube ao ceo co seu gran facho aceso nas mans para seguir buscando ao seu pequeno. Só descende para descansar cando a vence o sono. Entón, volve a escuridade á Terra.

Page 7: Historias de amor e amizade de cada continente

Europa: lenda de Rianxo “O Castelo da Lúa”

Conta a lenda que había en Rianxo un castelo propiedade dos Cabaleiros Templarios. Nunha batalla contra un nobre, os templarios fixeron prisioneira á súa filla, pensado en cambiala por terras e riquezas. Era unha moza cun sorriso máis brillante que as estrelas. Foi encerrada no castelo. Alí, atopábase tamén prisioneiro un cabaleiro ferido nunha batalla. A moza coidouno e curoulle as feridas. Tras pasar moito tempo xuntos, namoráronse. Tanto se querían, que conmoveron ao seu carcereiro

Nunha noite na que a Lúa e as nubes debuxaban estrañas formas no ceo, o carcereiro axudou a fuxir aos namorados. Guiounos por pasadizos do castelo ata chegar á praia, onde os agardaba unha pequena dorna. Os dous xuntos embarcaron e emprenderon unha viaxe cara a liberdade. Pero antes de que se afastaran o suficiente da praia, os cabaleiros do castelo decatáronse da súa fuxida e comezaron a lles lanzar frechas cos seus arcos.

O valente mozo, tentando protexer á súa amada, cubriuna co seu propio corpo. A mala fortuna quixo que tres frechas lle deran no peito e o mozo faleceu. Unha nube escureceu a lúa e, no medio da escuridade, oíuse un grito de dor e tristeza tan desgarrador como xamais se escoitara. A moza, desesperada, abrazouse ao seu amado e xuntos caeron ao mar.

Á mañá seguinte, as ondas da Ría de Arousa deixaron na praia os corpos dos dous namorados. Os namorados foron enterrados ao pé dunha das torres do castelo. Conta a lenda que dende entón, todas as noites de lúa chea, os seus raios alumean a sepultura dos namorados e que, ao amencer, tornaba a súa luz en vermello e alumeaba así os escudos que adornaban o castelo. E aínda hoxe os rianxeiros o coñecen co nome de o Castelo da Lúa.

Page 8: Historias de amor e amizade de cada continente