A CASA TRADICIONAL GALEGA - Librería online de …...O RELEVO Galicia presenta unidades de relevo...
Transcript of A CASA TRADICIONAL GALEGA - Librería online de …...O RELEVO Galicia presenta unidades de relevo...
1
A CASA TRADICIONAL GALEGA
O concepto de casa na Galicia tradicional é máis amplo que o de simple casa vivenda.
Comprende o conxunto de terras, diversas construcións para a protección dos seus habitantes,
animais e apeiros de traballo, así como almacén de colleitas.
Así, forman parte da casa tradicional:
A casa vivenda ou edificio nuclear, no que viven os membros da familia ampla: avós, pais,
fillos, netos, tíos, ademais dos
traballadores que viven e axudan
na explotación familiar. Serve
tamén para gardar e protexer gran
parte do gando, especialmente as
vacas, o animal máis importante
para a economía galega.
As construcións adxectivas
relacionadas coa produción e a
economía familiar: as cortes, a
eira, o alpendre, o hórreo ou
cabazo etc.
As terras de labor.
Existe unha gran variedade de tipos de casas en Galicia, en función de varios factores, pero
todas presentan unhas características comúns que as identifican:
- Están moi integradas co medio no que se asentan.
- Os seus moradores participan no seu deseño e construción.
- Constrúense seguindo a tradición, con poucos modelos ou variacións.
- Empregan métodos de construción artesanais.
- Edifícanse con poucos recursos e técnicas limitadas.
- Non son deseñadas por arquitectos, é unha arquitectura anónima, sen autor.
OS FACTORES CONDICIONANTES
DA CASA TRADICIONAL GALEGA
A casa tradicional galega está intimamente unida ao lugar onde está construída e está
condicionada polas características naturais do contorno: o clima, o relevo, o solo, as rochas, así
como polos trazos culturais e económicos das persoas que a habitan e constrúen.
2
OS FACTORES NATURAIS
O CLIMA Dentro das características xerais do clima atlántico ou oceánico, rexístranse en Galicia
variantes climáticas orixinadas pola proximidade ou distanciamento da costa (maior amplitude
térmica no interior), a latitude (maior temperatura media cara ao sur) e a altitude (descenso
de temperatura a maior altura).
Os efectos do relevo, a proximidade ou afastamento da costa, e a latitude permiten diferenciar
en Galicia seis variantes do clima oceánico ou atlántico.
- Oceánico húmido. Caracterízase polas temperaturas suaves (entre 13ºC e 14ºC), oscilación
térmica baixa (9ºC-10ºC) e precipitacións abundantes, máis na costa atlántica que na
cantábrica (inferiores a 1.100 mm).
- Oceánico hiperhúmido. Caracterízase polo descenso das temperaturas medias (12ºC), o
aumento da oscilación térmica (10ºC-11ªC) e un aumento considerable das precipitacións
(1.550-2.000 mm), favorecidas pola disposición do relevo e a forma das rías que facilitan a
entrada das borrascas atlánticas.
- Oceánico húmido con tendencia á aridez estival. Caracterízase por un aumento
considerable da temperatura media (15ºC), debido ao aumento da temperatura estival, a
oscilación térmica suave (10ºC-12ºC) e o incremento das precipitacións (1.000-1.500 mm),
concentradas no outono e inverno e moi escasas no verán.
- Oceánico continental. A característica máis destacable é o aumento da oscilación térmica
(13ºC-15ºC) polo aumento da temperatura estival e o descenso da invernal, con frecuentes
3
xeadas, que se acentúa por efecto da altitude e do afastamento do mar. As precipitacións
diminúen (arredor de 1.000 mm) porque as serras da dorsal galega actúan de barreira a
impiden o paso dos ventos húmidos do mar.
- Oceánico con matiz mediterráneo. Caracterízase polo aumento da oscilación térmica
(12ºC-14ºC) propiciada polos veráns máis cálidos de Galicia (algúns días poden rexistrar
40ºC), os invernos frescos e a diminución das precipitacións (inferiores a 800 mm), as máis
baixas da comunidade autónoma, cuns veráns moi áridos.
- Oceánico de montaña. A principal característica desta variante é a diminución da
temperatura (8ºC-10ºC), con invernos moi fríos e veráns frescos, e o aumento das
precipitacións (superiores e 1.500 mm) que no inverno poden caer en forma de neve.
O RELEVO
Galicia presenta unidades de relevo diferenciadas en altura e características. No seu conxunto,
mostra unha considerable altitude media, pois máis da metade das terras superan os 600 m e
unha boa parte excede os 900 m. As altitudes son cada vez máis elevadas a medida que se
afastan da costa, alcanzando as maiores cotas nas serras do sueste, onde se superan os 2.000
m. No relevo costeiro destacan as rías, e no interior diferéncianse as serras, as chairas, as
depresións e os vales fluviais.
4
AS SERRAS
A montaña abrangue en Galicia extensas e onduladas terras a partir dos 300 m; as maiores
alturas están nas serras do sueste, na provincia de Ourense. As serras son un conxunto de
montañas que presentan unha estrutura similar ou máis ou menos uniforme.
AS CHAIRAS OU SUPERFICIES DE EROSIÓN
Son moi características do relevo galego, especialmente na Galicia central, extensas zonas
elevadas (entre 500 e 600 m) e planas denominadas chairas. Son restos de antigas montañas
arrasadas polo efecto da erosión. Forman parte desta unidade de relevo as comarcas da Terra
Chá, Bergantiños, Xallas, Carballiño e Chantada.
AS DEPRESIÓNS
Existen en Galicia zonas que escasamente superan os 300 m e que están rodeadas de serras ou
chairas: son as depresións. No seu fondo foron depositándose materiais brandos,
especialmente arxilas, polo que os ríos escavaron con facilidade os seus leitos e formaron os
seus vales. As principais depresións son as das Pontes de García Rodríguez, Sarria, Maceda,
Monforte, Monterrei, A Limia, Valdeorras e Verín.
AS ROCHAS
Entre os materiais que constitúen a base do relevo, as rochas, destacan en Galicia as seguintes:
- Os granitos, que pertencen ao grupo das rochas eruptivas ou ígneas e son as rochas
dominantes en Galicia, ocupando o 45% da súa superficie. Segundo a súa composición
química e a rede de fracturas ofrecen varias formas de modelado; son frecuentes os
bloques de granito máis ou menos redondeados por efectos da erosión (moas, penedos).
- Entre as rochas metamórficas dominan os xistos e lousas. Os xistos localízanse
preferentemente nunha banda de norte a sur na Galicia central; orixinan relevos suaves,
de cumios redondeados. As lousas predominan na Galicia oriental.
OS FACTORES HUMANOS E ECONÓMICOS
A ECONOMÍA DE BASE AGRARIA, GANDEIRA E PESQUEIRA Partindo das condicións naturais, a economía tradicional foi, fundamentalmente, de
subsistencia, caracterizada polo policultivo, e o traballo intensivo con emprego de abundante
man de obra, que permitía cubrir as necesidades básicas e aproveitar ao máximo os ciclos
naturais, cunha intervención humana intensa e constante.
Tradicionalmente, a agricultura galega estivo caracterizada polo minifundismo e a dispersión
das parcelas de cultivo. Esta fragmentación da propiedade ten unha orixe histórica nos foros e
o sistema de herdanza. O gando, especialmente o vacún, era para os labregos a maior fonte de
entrada de capital monetario na economía doméstica. Hoxe segue sendo unha actividade
económica fundamental que proporciona arredor do 50% da produción final agraria galega. No
5
mundo rural galego conviven hoxe explotacións tradicionais con modernas instalacións
agrícolas e gandeiras.
Na costa a pesca foi unha actividade tradicional dos galegos e segue a ser hoxe unha das máis
importantes no conxunto da economía do país.
A CASA TRADICIONAL: MATERIAIS, TIPOS, ELEMENTOS E FUNCIÓNS
OS MATERIAIS
Os materiais empregados na construción da casa tradicional son os que se atopan na zona,
materiais locais sen apenas transformar, que ademais eran empregados cun reducido
coñecemento da técnica da edificación duns campesiños, que ao mesmo tempo que cultivaban
e coidaban o seu gando, fabricaban as súas ferramentas e construían as dependencias da casa.
Os materiais más empregados foron as distintas clases de pedra, a madeira e a palla; ademais
de cerámica, ferro e vidro. A pedra foi o material básico para os cimentos e muros; a madeira,
nas divisións interiores, armazón das cubertas, portas, fiestras e os mobles; e a palla e a tella
para os teitos.
A pedra de granito, tamén chamada pedra gra ou cantería, é a rocha máis empregada nas
construcións, especialmente en solainas, hórreos ou chemineas, na zona occidental. O xisto foi
empregada especialmente na zona oriental. A lousa, no nordeste e sur, foi empregada en
paredes e cubertas.
A escasa calidade da pedra en gran parte das comarcas do centro, deu lugar a unhas
construcións máis humildes
caracterizadas pola presenza de
muros confeccionados por
cachotes. A cachotería de pedra
de gran está formada por anacos
irregulares asentados uns enriba
doutros; ás veces, para dar solidez
ao muro, intercalábanse entre os
cachotes pedras de maior tamaño,
chamadas xuntoiros ou tizóns. A
cachotería de xisto, podía ir en
seco ou cementarse cun morteiro
de barro. Moitas veces estes
muros se reforzaban nas esquinas
e nos ocos con pezas de pedra de gran.
A cantería está formada con bloques regulares de granito traballados coidadosamente. É froito
dunha longa tradición no traballo da pedra, moi empregada na arquitectura monumental, pero
tamén na construción popular. Foi empregada nas zonas occidentais onde abunda a rocha e
onde o oficio dos canteiros está máis estendido.
6
A madeira foi o material complementario da pedra. Das fragas, dos soutos e das carballeiras,
procedía a madeira máis empregada na construción: o carballo e o castiñeiro, unha madeira
moi útil pola súa dureza, flexibilidade e relativa facilidade de traballar.
OS TIPOS DE CASAS, ELEMENTOS E FUNCIÓNS
Os criterios para facer unha clasificación de tipos de casas son moi variados. Pódese ter en
conta os materiais empregados (granito, xisto, cachotería …), a súa localización (montaña, val,
chaira, costa), a economía dos seus habitantes (agricultura, gandeira, pesca …) ou outras
características construtivas ou funcionais.
Aquí vamos a ter en conta a súa localización: montaña, chairas e vales e a costa, que a súa vez
ten unha influencia fundamental na produción e dedicación dos seus moradores, así como nas
diferentes dependencias e construcións anexas.
AS CASAS DA MONTAÑA
Localizadas nas zonas de maior altitude
de Galicia, na zona oriental das provincias
de Lugo e Ourense. Algunhas das súas
características veñen dadas polo clima
rigoroso da altitude, os materiais máis
abundantes e da economía dos seus
moradores. Os vans son reducidos e
escasos para non perder o calor interior,
e a orientación cara o sur faise para
aproveitar ben os rairos do sol. Os
materiais usados son o xisto, lousa, o
carballo e o castiñeiro.
As pallozas
Ou vivendas de colmo, chamadas así polo teito formado por unha estrutura de madeira, sobre
a que se asenta o colmado de palla de centeo, son as vivendas máis primitivas, e algunhas
delas estiveron ocupadas ata
hai pouco tempo. Reúnen nun
único espazo a vivenda, a corte
e a palleira; homes e gando
convivían durante os longos
meses de inverno, con
temperaturas inferiores a -
10ºC. Encóntranse no Cebreiro
e os Ancares, en altitudes
superiores 1.500 m.
É un tipo de casa moi ben adaptada ao medio: está orientada para facer resistencia aos ventos
xeados; apenas ten ocos polos que poida entrar o frío ou saír o calor do lar, do forno e dos
7
animais; baixos e grosos muros; cubertas de palla que posibilitan un magnífico illamento fronte
á neve e a chuvia…
Os materiais empregados son os do contorno: xisto e granito para os muros; madeira de
castiñeiro e carballo para as estruturas dos teitos e a cuberta o colmo obtense da palla do
centeo.
Existen distintos tipos de pallozas segundo a súa planta, que pode ser oval, elíptica, circular ou
rectangular. O tamaño varía segundo o número de membros e da economía familiar. E no seu
interior pode haber varios espazos diferenciados con divisións verticais ou horizontais, aínda
que todo baixo o mesmo teito. Os dous espazos máis comúns son:
- O ástrago, a parte onde se desenvolve a vida doméstica e no que están o lar ou lareira, o
forno e outros compartimentos para gardar a leña, os produtos agrarios e os alimentos.
- A estravariza, chamada así na serra dos Ancares, é o espazo situado a un nivel máis baixo
destinado ás cortes dos animais (gando vacún e porcino).
As casas das serras orientais
Están localizadas nas serras, en altitudes superiores aos 1.300 m. Son edificacións pequenas e
con poucas fiestras. Están orientadas cara ao mediodía para aproveitar o sol e resgardarse do
vento e da chuvia. A cuberta é de lousa a dúas augas e os muros son de xisto. Poden ser casas
terreas (é dicir, de planta baixa), as máis antigas; ou cun andar con escaleira por fóra, onde a
planta inferior destínase a cortes, cociña e almacén e a primeira aos cuartos. A economía é
preferentemente gandeira.
A cociña leva a lareira sobre grandes lousas de xisto e xeralmente carecen de cheminea. A casa
ten poucos e moi simples mobles de castiñeiro. O corredor é o elemento característico das
serras, é o espazo polo que se accede ao primeiro andar, desde unha escaleira exterior; está
orientado cara ao sur para aproveitar os raios de sol e emprégase para poñer a secar os
produtos do campo e as roupas.
8
Para o almacenamento dos froitos, ademais da casa vivenda, aparecen ás veces outras
edificacións independentes, como a palleira ou o hórreo, de planta cadrada (por influencia
asturiana), con cuberta de grosas capas de colmo e ás veces lousas de xisto.
AS CASAS DO AGRO
Localizadas en zonas de máis baixa altitude, cara ao oeste e sur. Nas amplas superficies da
Terra Cha, as depresións lucenses, as agras coruñesas e as casas da Galicia meridional, nas
provincias de Pontevedra e Ourense.
A casa da Terra Cha e as depresións lucenses
Este tipo de casa está localizada na chaira central a 600 m. de altitude, cunha economía
agrícola e gandeira de certa prosperidade, clima máis suave que na montaña e mellores
recursos, con asentamentos dispersos.
Esta casa, de grandes dimensións,
normalmente aparece illada no terreo. Ten
planta cadrada ou rectangular e dous
andares e está cuberta por un teito a catro
augas de lousa de xisto.
Os materiais empregados nos grosos muros
son o xisto e o granito. Os muros de
cachotería van reforzados con sólidas pezas
de granito, tanto nas esquinas como nos
vans de fiestras e portas.
Sobre os tellados destacan as chemineas, cubertas con enxeñosos dispositivos para impedir a
entrada da auga na vivenda. Debaixo da cuberta sitúase o faiado, un espazo empregado para
gardar as patacas, as castañas e outros froitos.
Na planta terrea están situadas a cociña, onde se desenvolve a vida familiar e a actividade
económica, e as cortes dos animais. Unha escaleira interior de madeira dá acceso ao primeiro
andar, onde están un cuarto grande ou sala, empregada para as festas familiares, para gardar
9
parte dos produtos do campo, como cuarto de durmir ou distribuidor a outros cuartos máis
pequenos.
Na cociña, na que ás veces está o forno, está a lareira, sobre unha pedra de cantería, rodeada
dun escano ou banco onde se quenta a familia e se cociñan os alimentos, baixo a gran
cheminea.
Esta casa adoita normalmente estar rodeada de construcións adxectivas dispersas nun espazo
de terreo sen cercar: a eira, espazo dedicado aos labores agrícolas, como a malla; o hórreo,
para gardar as colleitas; a palleira, o pozo, etc.
A casa das Agras Coruñesas
Situadas na área central da provincia
da Coruña, comprendida entre as
serras e o litoral. A casa vivenda é o
núcleo central con varias
dependencias arrimadas, formando
unha planta moi irregular e con moi
diferentes tipoloxías.
Na entrada adoita haber un alpendre,
que se utiliza como palleiro e para
gardar o carro e os apeiros de
labranza. Na planta terrea están a cociña e as
cortes, no sobrado ou primeiro andar, os cuartos
e o comedor, onde se gardan determinados
produtos e só é empregado como tal nas festas
patronais.
As paredes son de cachotería, cos contornos dos
vans e esquinas reforzados con cantería. As
fiestras son poucas e de pequenas dimensións, e
sitúanse case sempre na fachada principal, no
resto hai algún oco de ventilación. A cuberta, sobre un armazón de madeira, é de tella, e a súa
forma vai variando aos diferentes corpos engadidos á casa.
10
As casas do sur de Galicia
Esténdense por case toda a provincia de Ourense e parte de Pontevedra. Cunha economía
agrícola e gandeira con abundancia de terras de viño nas cuncas dos ríos, favorecida por un
clima de carácter mediterráneo.
As vivendas son de planta rectangular e
con dous andares, construcións de gran
solidez, con paramentos de boa
cachotería reforzada con grandes pezas
de cantería, maioritariamente o granito.
Na planta terrea están as cortes, o lagar
e a adega, dous espazos dedicados, á
produción e conservación do viño. No
andar, con entrada desde a solaina ou
corredor, están a cociña, os cuartos e o
comedor. A cuberta é de tella a dúas,
tres ou catro augas, dependendo da
estrutura do edificio.
Elemento singular deste tipo de casa é o acceso ao primeiro andar. Polo exterior e mediante
unha escaleira de pedra de sólidos chanzos accédese a un corredor, patín ou solaina, un
espazo característico da Galicia meridional, rematada por unha varanda de madeira de
castiñeiro, destinado a secar a roupa, o millo, as fabas, as cabazas ou lugar de descanso e
acceso á vivenda.
Pegados á casa aparecen construcións adxectivas como os alpendres e independentes e
illados, os hórreos e as palleiras.
AS CASAS MARIÑEIRAS
As vivendas dos mariñeiros agrúpanse cerca do peirao ou á praia, formando un conglomerado
de casas, rúas e camiños estreitos. A súa construción está baseada no traballo do mar,
fundamentalmente, pero combinado coas labores agrícolas complementarias, especialmente
co das viñas.
Xeralmente son de dimensións reducidas, con escasos ocos e, para aproveitar o espazo, van
pegadas unhas ás outras. Os materiais empregados están moi ligados ao contorno. O xisto e a
lousa é material predominante na costa cantábrica e o granito e a tella no litoral atlántico.
A tipoloxía da casa mariñeira é moi variada e complexa. As variantes son moitas, aínda que os
elementos comúns tamén. As casas máis antigas son as terreas, con poucas ou ningunha
división interna, e as máis evolucionadas son as de dous andares.
A casa terrea é o modelo máis antigo e sinxelo, cun espazo único rectangular onde estaban a
cociña, os cuartos e o almacén, onde se gardaban as redes, remos e outros aparellos, e onde
11
se realizaban todas as actividades domésticas. Máis
tarde foron diferenciándose espazos para o traballo e a
vida doméstica.
A casa do pincho foi o tipo de casa mariñeira más
estendida dende a Idade Media. Chámase así por ter a
fachada frontal nun dos muros piñóns ou pinchos. As
máis simples teñen un único espazo na planta terrea,
pero polo común teñen a cociña e os cuartos no andar
ou piso superior.
A casa do remo, chamada así polo ancho da fachada,
igual á lonxitude dun remo de traíña, ten un espazo
entre a vivenda e a cuberta a modo de soportal
empregado para o secado e reparación das redes. Ten
dous andares con escaleira interior.
A casa con patín, é o tipo máis común no litoral atlántico, especialmente nas Rías Baixas. A
maioría deste tipo de casas vai entre medianeiras. Ten acceso polo exterior ao andar onde se
sitúa a vivenda, a través dunha escaleira paralela á fachada, que remata nun patín,
normalmente cuberto por unha prolongación do tellado, onde se logra un espazo resgardado
da chuvia e do sol. A planta terrea úsase como almacén de redes, adega ou cortes, e no andar,
o patín, a sala, cuartos e cociña.
A casa de dous andares é o tipo máis común, de maiores dimensións e mellor calidade na
construción. Presenta algunhas variantes na distribución dos espazos e na construción: a casa
con fachada lisa, con corredor, con soportal e con corredor e galería.
Na planta terrea está o almacén e ás veces a
cociña; no andar están os cuartos e o comedor.
A casa con soportal é a máis común nas vilas
mariñeiras, formando rúas ou prazas que
conforman unha especie de claustros continuos
polos que pasa a xente e nos que se gardan os
aparellos da pesca e a propia embarcación. Estes
soportais poden ser abovedados, con arcos de
pedra ou estar formados por columnas de pedra
que soportan corredores de madeira, galerías ou
balcóns.